O Cluster TIC Galicia está a negociar coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia un convenio de colaboración que permitirá incrementar a competitividade do sector TIC galego e reforzar a capacidade do propio Cluster para seguir cumprindo o seu papel de entidade integradora e representativa do hiper-sector na comunidade autónoma.
Segundo informou David Trigo, xerente do Cluster, ao Comité Estratéxico celebrado o pasado 20 de decembro, o convenio artellarase en tres liñas de actuación que serán cofinanciadas pola Xunta de Galicia:
- Plan Tencolóxico-Industrial. Cun investimento previsto de 100.000 euros, impulsará a interrelación do hiper-sector TIC cos outros sectores económicos considerados estatéxicos para Galicia, presentando a cada un deles solucións e tecnoloxías concretas. Posteriormente, e co apoio da Administración, as empresas TIC desenvolverán e implantarán estas solucións e tecnoloxías.
- Programa de Sensibilización na Transformación Produtiva. Terá por obxectivo identificar áreas, conceptos, técnicas ou habilidades sobre as que deberá incidir a actividade formativa. Proponse para isto unha inversión de 60.000 euros.
- Programa de fomento da I+D+i. Impulsará as actividades de I+D+i dos membros do Cluster, artellando a cooperación entre as empresas TIC e os axentes do sistema galego de innovación, en especial con grupos de investigación, centros tecnolóxicos e empresas clientes doutros sectores. Ademais, axudará a identificar e captar novas fontes de financiamento e prestará especial atención ao seguimento e avaliación dos retornos obtidos a partir das actividades de I+D+i. O investimento previsto neste programa é de 125.000 euros.
Comentarios