O Clúster segue avanzando en acordos con outras entidades e asinará un convenio coa Confederación de Industrias Téxtiles

O Clúster segue avanzando en acordos con outras entidades e asinará un convenio coa Confederación de Industrias Téxtiles


Na súa reunión do pasado 24 de abril, o Comité Estratéxico (COES) do Clúster TIC Galicia acordou os termos dun convenio de colaboración coa Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (COINTEGA). Este acordo, que será asinado en breve, significa un paso máis na política do Clúster de alcanzar acordos de colaboración con entidades representativas dos principais sectores produtivos de Galicia, co obxectivo de abrir oportunidades de negocio para os socios.

Na liña de sumar forzas para fortalecer o sector TIC, trabállase actualmente na redacción doutos convenios con dúas entidades de gran relevancia no ámbito galego das TIC, como son o centro tecnolóxico Gradiant e a empresa Televés, segundo se informou no COES. Cabe recordar que o Clúster xa traballa en estreita colaboración co Clúster Audiovisual Galego (CLAG), coa plataforma tecnolóxica Vindeira e coa asociación empresarial EGANET.

O Comité acordou igualmente informar a todos os socios das oportunidades que se ofrecen desde o Centro para el Desarrollo Tecnolóxico Industrial e desde a Axencia Galega de Innovación para o desenvolvemento de proxectos. Farase unha sondaxe de interese e estudarase a posibilidade de organizar novas xornadas con técnicos do CDTI e de GAIN.

Outras liñas de traballo que foron respaldadas na reunión do COES foron detectar os socios que teñen interese en comercializar os seus produtos ou servizos a través de empresas xa internacionalizadas e finalizar o documento de caracterización e potencialidades de Galicia.

Asemade, analizáronse as liñas de axudas de AEI (Ministerio de Industria) e do Igape das que se podería beneficiar o Clúster para o seu financiamento, e decidiuse crear un grupo de traballo para realizar a definición dos modelos de axudas relevantes para o sector.

Avanzouse tamén no debate sobre a renovación de estatutos. Respecto a este asunto, os membros do  COES teñen unha proposta e dispoñen de tres semanas para presentar observacións.Na xuntanza presentáronse informes das seguintes responsabilidades delegadas:

  • Sectores de Galicia e Grupo Grandes Clientes repartiu competencias e designou representantes para cada sector, quedando Tino Fernández (Altia) para o Agroalimentario, Ramón Ares (Ozona) para o Naval e Fernando Vázquez (Imatia) para o Téxtil. Ademais informou dos avances na organizando do evento “Comercialización de Moda a través de Internet”. Esta iniciativa conta coa colaboración de COINTEGA e nel se empregará a metodoloxía FIRE (Focus, Ideate, Rank, Execute).
  • Internacionalización deu conta dunha xuntanza mantida coa Área de Internacionalización do Igape na que se estudou a posibilidade de contar coa colaboración de empresas xa asentadas no exterior para que canalicen a comercialización de produtos e servizos de empresas que estean interesadas. Ademais informou de que está a realizar un repertorio de feiras e congresos de interese global para ver a viabilidade de participación conxunta das empresas socias.
  • Multinacionais informou tamén dunha reunión co Igape, neste caso para analizar a entrada de inversión foránea en Galicia a través de empresas TIC. Ademais, este grupo continúa traballando no documento de caracterización das potencialidade de Galicia, que se artella nas áreas de Tecido I+D, Tecido Empresarial e Factores de Interese para o Sector (taxa de empregabilidade, desemprego, especialización, etcétera).
  • Marketing Interno deu conta das melloras de imaxe e do incremento de actividade en redes sociais: Facebook, Twitter e Lindedin.
  • Relacións co CDTI informou da xornada de dinamización de proxectos de I+D e innovación organizada os días 23 e 24 de abril pola Axencia Galega de Innovación.
  • Contactos externos informou dos avances na relación con outros clúster estatais, tanto TIC como de outros sectores.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies