Unha representación do Clúster TIC Galicia que incluirá ao presidente, Antonio Rodríguez del Corral, participará no taller do Grupo de Traballo (GT2), centrado en políticas horizontais e instrumentos financeiros, do proceso de elaboración da Estratexia de Especialización Intelixente para Galicia (RIS3).
A elaboración desta Estratexia é unha esixencia da Unión Europea para a participación nos obxectivos de innovación do próximo marco de financiamento 2014-2020 dos fondos estruturais. Así, o proceso de elaboración da RIS3 en Galicia está baseado nun proceso participativo de descubrimento emprendedor. Nos últimos meses, os diferentes grupos de traballo (GTs) de ámbito sectorial e sobre tecnoloxías horizontais estiveron desenvolvendo a súa actividade, cuxos resultados se presentaron durante o II Foro RIS3 de Galicia celebrado o pasado día 21 de maio.
A convocatoria foi realizada por Manuel Varela Rey, director da Axencia Galega de Innovación, e o taller terá lugar o próximo martes 11 de xuño ás 12 horas no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, en Santiago de Compostela.
Comentarios