O Clúster aliñará a súa estratexia coa Xunta, as universidades e os centros tecnolóxicos para impulsar o crecemento do sector TIC

O Clúster aliñará a súa estratexia coa Xunta, as universidades e os centros tecnolóxicos para impulsar o crecemento do sector TIC


Antonio Rodríguez Del Corral califica de “histórica” a posta en marcha do programa Transformatic, que permitirá mellorar os apoios á creación de novas empresas, transferir a innovación ao mercado e impulsar o papel das tecnoloxías da información e as comunicacións como panca de cambio da economía de Galicia.

Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia, participou esta mañá no acto de sinatura do convenio de colaboración co que se pon en marcha o programa Transformatic. Este programa supón unha alianza entre a Xunta de Galicia, o sistema universitario, os centros tecnolóxicos de Galicia e o Clúster como representante do tecido empresarial, para aliñar as estratexias de cara a impulsar a competitividade e o crecemento do sector das tecnoloxías da información e das comunicacións (TIC). En particular, Transformatic centrarase no fomento do emprendemento dixital, a transferencia da innovación ao mercado e o fortalecemento do sector tecnolóxico galego.

O acto estivo presidido polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e nel tomaron parte, como asinantes do convenio, Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Juan Casares, reitor da Universidade de Santiago de Compostela; Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Xosé Luis Armesto, reitor da Universidade da Coruña; Fernando Pérez, director do centro tecnolóxico Gradiant; Sebastián Bamonde, coordinador do CITIC; Javier García, director do CESGA, e Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia.

Del Corral salientou a importancia “histórica” da posta en marcha de Transformatic xa que, según sinalou, foi sempre unha ambición do Clúster dispor dunha mesa de traballo permanente coa Xunta, as universidades e os centros tecnolóxicos. Isto é agora posible, indicou, grazas ao liderazgo da AMTEGA e ao convencemento do Goberno da Comunidade Autónoma de que as TIC teñen un forte poder transformador da economía.

O presidente do Clúster TIC Galicia mostrouse convencido de que, por medio do programa, será posible cumprir tres obxectivos relevantes do Cluster: coordinar mellor os apoios para a creación de novas empresas, tanto por medio do emprendemento como a través de spin-offs; impulsar as tecnoloxías da información e das comunicacións, a través da colaboración cos centros investigadores,  como panca de cambio dos sectores público e privado de Galicia, e dar un pulo ao sector TIC para duplicar o seu peso no PIB galego, pasando do 2,5% actual (excluidos os operadores) ao 5%. Para obter este crecemento, indicou Del Corral, as TIC deben converterse en aliados estratéxicos doutros sectores e, ao mesmo tempo, camiñar cara á “super-especialización”, para poder ser “un sector exportador de seu”.

Oito eixos de actuación
O programa Transformatic estrutúrase en oito eixos estratéxicos, con 13 liñas de actuación para acadar os seus obxectivos e impulsar a Estratexia de Crecemento Dixital de Galicia, aprobada recentemente, e que contempla como unha das súas prioridades a potenciación do sector TIC.

Os dous primeiros eixos que se porán en marcha serán, por unha banda, o impulso á demanda temperá no sector público e nos sectores privados estratéxicos, para desenvolver iniciativas articuladas a través da compra pública de tecnoloxía innovadora e, por outra, o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos de gran envergadura nos sectores considerados estratéxicos para Galicia.

Os seis eixos restantes de Transformatic están orientados a fortalecer o sector TIC. O primeiro céntrase no capital humano, co obxectivo de aliñar a oferta formativa e as necesidades que demanda o mercado. Nesta liña, analizaranse as políticas de formación actuais e as necesidades do mercado a medio e a longo prazo, de cara a definir novos programas formativos e incrementar o número de titulados TIC.

Favorecerase ademáis o apoio á I+D+i e a transferencia tecnolóxica entre os grupos de investigación e as necesidades do sector TIC e dos sectores estratéxicos. Igualmente, crearase un sistema da apoio integral ao emprendedor dixital en todo o ciclo de vida do proxecto, favorecendo así a creación de novas empresas de base tecnolóxica.

Transformatic tamén prevé fortalecer a presenza do sector TIC no exterior, para incrementar a súa cifra de negocio tanto no mercado español como na Unión Europea e no resto do mundo; porá en marcha medidas de atracción de investimento para a implantación de empresas tecnolóxicas en Galicia, e maximizará a captación de fondos de convocatorias de I+D+i estatais e europeas.

Nota de prensa

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies