None
“Cando unha empresa ou un sector pensa a futuro, debe plantexarse qué é o que vai necesitar nos próximos dous, tres ou catro anos para manter a súa competitividade, crecer ou internacionalizarse. É dicir: debe definir hoxe cal serán a súas necesidades de mañá e de pasado mañá. E para cubrir esas necesidades, ese sector necesitará tecnoloxías. Buscalas ou desenvolvelas, incluso desde cero, é o noso papel como empresas TIC”. Así é como define Juan Carlos Suárez (Level Telecom) a noción de demanda temperá.
Con todo, para que esa idea se converta nunha realidade aínda é necesario outro elemento: o financiamento, o cal implica na práctica o respaldo das administracións públicas no seu papel de promotoras do desenvolvemento económico. “É por iso polo que o primeiro punto da folla de ruta do noso grupo de traballo é a definición dos sectores estratéxicos para Galicia. Isto temos que facelo de xeito coordinado coa administración, porque un plan desas características non sairá adiante sen un programa de axudas públicas”, explica Suárez.
É deste xeito como, presidido por Juan Carlos Suárez, o grupo de traballo de Innovación e Demanda Temperá desenvolve o seu labor cara ao obxectivo de poñer en marcha o gran pacto tecnolóxico-industrial que o Cluster TIC Galicia ten plantexado ao presidente da Xunta e á sociedade civil galega.
O grupo ten celebrado xa dúas reunións coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia. “Nelas, orientóusenos cara ao sector Socio-Sanitario e o Fogar Dixital, pero nós pensamos que son dous ámbitos moi ligados á Administración Pública, e queremos identificar sectores produtivos”, asegura Suárez. Con ese obxectivo, o grupo traballa para abrir un diálogo coa Consellería de Industria e o IGAPE. Por outra banda, quere complementar a visión que se ten desde o Goberno galego coa súa propia sondaxe do tecido produtivo da comunidade autónoma, por medio dun estudio en profundidade que deberá realizar unha consultoría especializada.
O que virá despois, segundo a visión de Suárez, é unha fase de “sentarse cos interlocutores dos sectores seleccionados para definir as demandas de cada un e a resposta que lles debemos dar desde as TIC. Pero antes diso, será necesario que o Cluster teña unha visión clara das capacidades dos seus propios membros. Para desenvolver ese labor, Innovación e Demanda Temperá deberá colaborar con outros grupos de traballo, como o de Markentig”, conclúe Suárez.
O grupo de traballo de Innovación e Demanda Temperá celebrou a súa última reunión o pasado 24 de xaneiro, nunha xuntanza na que quedou definitivamente aprobada a folla de ruta e se distribuíron tarefas entre todos os membros para continuar avanzando.
None
Comentarios