O pasado 20 de marzo, o Clúster TIC Galicia tomou parte nunha reunión do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, con xerentes e representantes doutros vinte clúster da comunidade autónoma. O encontro tivo lugar na sede do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e contou tamén coa participación de Javier Aguilera, director deste organismo.
Neste encontro, Conde destacou a importancia dos clúster como "pancas para a dinamización da economía galega" e asegurou que están chamados a configurar un dos principais eixes no desenvolvemento de proxectos innovadores, así como a servir de aceleradores para a mellora da competitividade e a internacionalización do tecido empresarial.
O conselleiro asegurou que a Xunta está a reforzar a súa política de clúster, contemplados como recursos fundamentais na Lei de Política Industrial de Galicia, e anunciou a posta en marcha dunha nova liña de apoio específica para os clúster de Galicia, dotada con 4,2 millóns de euros, coa que se facilitará o desenvolvemento de plans estratéxicos para o período 2013-2015 e se potenciará a capacidade destas entidades para multiplicar os proxectos cooperativos entre empresas.
Conde sinalou tamén que se está a traballar na definición do concepto de clúster, co reto de trazar unha folla de ruta que reflicta os pasos que hai que dar para a consolidación destas entidades, e informou de que se creará un Rexistro Galego de Clúster para identificar, ordenar e optimizar os recursos dispoñibles.
"Buscamos o impulso da excelencia dos clúster, que redundará en beneficio da economía galega", incidiu Conde, quen asegurou que o obxectivo é mellorar e incrementar a fortaleza destas agrupacións, aglutinando a un maior número de empresas, apostando pola súa eficiencia e dinamismo, e o seu potencial de internacionalización e innovación, aproveitando a súa vinculación con centros tecnolóxicos punteiros. Ademais, resaltou a súa importancia como interlocutores para trasladar os intereses e necesidades dos distintos sectores ante a administración e o resto da sociedade.
Segundo a exposición do conselleiro, os clúster aglutinan ao redor dun terzo do PIB global de Galicia, suman máis de 26.000 millóns de euros de volume de negocio no seu conxunto e representan máis da metade das exportacións da comunidade. Conde dixo que a aposta da Xunta por potenciar estas asociacións vai en sintonía coa Estratexia 2020 da Unión Europea. Baseada nun modelo de crecemento intelixente, sostible e innovador, nesta estratexia os clúster están chamados a ser o vehículo adecuado para intentar que a innovación chegue ás pequenas e medianas empresas.
Comentarios