Igalia evoluciona a web nos dispositivos intelixentes

Óscar Santos Rodríguez,

Igalia evoluciona a web nos dispositivos intelixentes


Durante o MWC mostrará os últimos avances que melloran o rendemento en velocidade, visualización e consumo de memoria dos navegadores.

Igalia, consultora especializada no desenvolvemento de proxectos e solucións innovadoras baseadas en software libre, participará no Mobile World Congress (MWC), feira tecnolóxica que se celebra do 22 ao 25 en Barcelona baixo o lema “Mobile is everything”, onde mostrará as súas últimas innovacións en optimización e mellora de rendemento de navegadores para dispositivos intelixentes.

A experiencia e innovación de Igalia en múltiples tecnoloxías, distribucións de software e plataformas ofrece aos fabricantes de electrónica de consumo as mellores solucións para os seus sistemas, aproveitando o máximo rendemento da tecnoloxía e do hardware e mellorando así a experiencia de usuario final.
Igalia está especializada en tecnoloxía web cliente, en concreto no desenvolvemento de WebKit/WebKit For Wayland, Chromium/Blink (motores de renderizado web de Safari de Apple e Google Chrome, respectivamente) e Firefox e a súa optimización e evolución para aqueles clientes que utilicen estas plataformas para os seus servizos. Entre outros, Igalia traballa en desenvolvemento de estándares, motores JavaScript, soporte multimedia, accesibilidade, gráficos, que completan a amplia experiencia da compañía.

Igalia traballa cos principais fabricantes de SmartTV, descodificadores, Smartphones así como empresas de domótica e automoción co obxectivo de proporcionar solucións que melloren e axilicen a reprodución de vídeos, gráficos e animacións non só a través de desenvolvemento de servizos e plataformas propias, senón colaborando na definición de estándares que poidan beneficiarse e dar soporte a toda a industria. Neste sentido colaborativo, a compañía forma parte de asociacións como W3C, GENIVI, Tizen Association ou Automotive Grade Linux, e de entidades como The Linux Foundation ou a Free Software Foundation.

“O noso compromiso coa calidade e especialización nun amplo conxunto de plataformas, levounos a un recoñecemento internacional como expertos en diferentes proxectos de software libre como Webkit, Chromium ou Gstreamer, nas que somos contribuidores Top-5 a nivel mundial”, comenta Xavier Castaño, business development de Igalia. “As nosas contribucións están presentes en calquera plataforma construída sobre Linux, desde Android a diversos sistemas embebidos, e supoñen a mellor carta de presentación de cara a grandes empresas; coñecen o noso traballo. Estas contribucións repercuten na porcentaxe de persoas que acceden á web mellorando a velocidade, rendemento e accesibilidade dos servizos dos nosos clientes”.

Nos últimos meses, a compañía iniciou unha nova liña complementaria, de tecnoloxías lado servidor, centrada en Software Defined Networking e orientada a mellorar os switches virtuais co uso do proxecto Snabb.

No stand de Igalia, situado no Hall Congress Square Stand CS60, poderán verse demostracións de renderizado gráfico de alto rendemento, demostracións da tecnoloxía WebKit For Wayland así como de outros proxectos desenvolvidos pola sinatura galega.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies