Galicia é a quinta comunidade autónoma por número de empresas do sector TIC e dos contidos, segundo se reflicte no informe anual elaborado polo Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI).
Este estudio, realizado co obxectivo de coñecer a situación actual e a evolución das principais características estruturais e económicas do sector no conxunto de España no ano 2011, presenta indicadores da fabricación de produtos tecnolóxicos, da comercialización, das actividades informáticas, das telecomunicacións e dos contidos, a partir dunha enquisa realizada a 2.420 empresas españolas.
Segundo informa o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), as principais resultados do informe confirman un descenso no número de empresas a nivel estatal no ano 2010, con 29.979 empresas activas en relación ás 30.497 do ano 2009. A facturación no 2011 acadou os 100.828 millóns de euros, cun descenso dun 2,5% en relación ao 2010, dos cales un 83,9% corresponden ao sector TIC. No ano 2011 redúcese un 1,6% o número de traballadores e o saldo comercial foi negativo nun contexto de crise económica, pero identifícase un incremento dun 8,9% nos investimentos realizados polas empresas do sector TIC e dos Contidos en relación ao ano 2010.
Galicia é a quinta comunidade autónoma con maior volume de empresas do sector no ano 2010, cun 5%, nun escenario polarizado en Madrid e Barcelona que concentran máis do 55% das empresas, seguidas de Andalucía (9%) e a Comunidade Valenciana (8%). Os demais indicadores analizados polo ONTSI en Galicia non superan este valor porcentual, pois o número de empresas dedicadas á fabricación TIC supón un 3% do conxunto do Estado, a comercialización TIC un 5%, as actividades informáticas e as telecomunicacións un 4%.
Acceso ao informe.
Comentarios