Eganet: O sector TIC galego pon a súa mirada no Brasil

Eganet: O sector TIC galego pon a súa mirada no Brasil


A Asociación Galega de Empresas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) atópase no ecuador da ‘misión tecnolóxica’ ao Brasil. A delegación de empresas socias de Eganet está sendo recibida polas compañías de Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) máis relevantes do país de América do Sur dende o luns 22 de novembro co obxectivo de buscar sinerxias de traballo.

Nesta viaxe que rematará o sábado 27 de novembro, as empresas galegas  visitarán Sao Paulo e Florianópolis, os dous centros de desenvolvemento estratéxico das TIC no Brasil, país que nos últimos anos está a consolidarse como unha das grandes potencias económicas a nivel mundial. Ademais de coñecer diversas empresas e institucións, celebrarán reunións comerciais coas compañías sobranceiras do sector.

Este contacto está orientado á transferencia de tecnoloxía e intercambio de coñecemento cos centros máis punteiros do Brasil e a concretar negocios e distintas vías de colaboración. O interese por ver e experimentar in situ os novos xeitos de traballar dos centros tecnolóxicos deste país débese ao intenso crecememento económico experimentado nestes últimos anos e á perspectiva de que o seu mercado sexa un referente a nivel mundial a curto prazo.

É a segunda misión tecnolóxica

Esta é a segunda ‘misión tecnolóxica’ que organiza Eganet. A primeira delas realizouse aos países nórdicos entre o 24 e o 30 de outubro e ao igual que esta estivo cofinanciada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

No brasil, a delegación de Eganet visitou  xa o Instituto de Pesquisas Tecnológicas (ITP) e o Centro de Tecnologia da Informação, Automação e Mobilidade (CIAM), adicado a sistemas corporativos, redes e seguridade dixital, sistemas de enxeñería, mobilidade e telemática aplicada aos transportes, etc. Coñeceron tamén Unicom, unha compañía que ofrece solucións tecnolóxicas para soportar altas demandas de eficacia na xestión.

Hoxe, e seguindo o intenso plan de visitas programadas, serán recibidos no ITESCS e na Agência de Desenvolvimento Econômico do Grande ABC, organismo formado por institucións públicas e privadas que traballan para o desenvolvemento económico sustentable da Região do Grande ABC.

Mañán desplazaranse a Florianópolis para coñecer de primeira man a Fundação CERTI (Centro e Referência em Tecnologias Inovadoras) e a incubadora CELTA. O derradeiro día abriranlle as portas de Labelectron, un laboratorio-fábrica de desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos e de manufactura de produtos electrónicos, e o Sapiens Parque, onde se promove o desenvolvemento do turismo, a tecnoloxía e o medio. Por último, e co obxectivo de concretizar as posibilidades de negocio transatlántico entre Galicia e Brasil, o manterán un encontro coas empresas e centros de referencia do país.



O presidente de Eganet, Víctor López –no centro da imaxe-, e outros membros socios, nunha reunión comercial con persoal das empresas estratéxicas de tecnoloxías de Sao Paulo.

Fonte: Eganet

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies