Convócase a Segunda Edición dos Premios Clúster TIC Galicia

Óscar Santos Rodríguez,

Convócase a Segunda Edición dos Premios Clúster TIC Galicia


Un ano máis, co obxectivo de estimular e recoñecer o traballo de todos os axentes comprometidos co desenvolvemento do tecido produtivo baseado na Sociedade da Información, convócase unha nova edición dos Premios Clúster TIC Galicia. Esta iniciativa pon de relevo ante a sociedade o labor das empresas, profesionais ou entidades que deseñan, programan, desenvolven, implantan ou usan produtos ou servizos galegos que teñen na innovación e no uso das novas tecnoloxías a súa razón de ser.

Os galardóns convócanse en seis categorías: Innovación, Internacionalización, Liderado TIC, Start-ups e Software Libre, ás que se lles une nesta edición a categoría de Márketing Dixital.

Poderán presentar as súas candidaturas todas aquelas empresas que realicen proxectos no campo das tecnoloxías da información e as comunicacións, ben sexa como provedores ou como entidades usuarias de produtos e servizos TIC galegos.

Para decidir os gañadores, o Clúster creará un Comité Avaliador Experto. Unha vez que se realice a votación do xurado, farase pública unha lista con tres finalistas por categoría e os gañadores non se desvelarán ata a Gala de entrega dos Premios.

Por seren galardóns de honra que distinguen a calidade, os premios non comportan dotación económica, pero tanto os gañadores como os finalistas recibirán trofeos representativos e exclusivos.

Os interesados en presentar unha candidatura deberán facelo exclusivamente a través da web www.clustertic.gal, cubrindo o formulario online e axuntando a documentación que consideren oportuna. O prazo conclúe o próximo domingo 30 de novembro ás 23:59 horas.

Sobre os I Premios Cluster TIC Galicia
As entidades Avansig (Innovación), Quobis (Internacionalización), Altia (Liderado TIC), Brookesia Design and Technologies (Start-ups) e Igalia (Software Libre) foron os gañadores dos Premios Clúster TIC Galicia 2015. Os representantes das cinco entidadas recolleron os seus galardóns, nunha gala que se desenvolveu o 29 de outubro de 2015 no marco do evento LibreCon, na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.

Os proxectos premiados abranguían iniciativas de internacionalización e desenvolvementos tecnolóxicos nos eidos dos drons, as App para vehículos, gadgets multifunción e plataformas para set-top-boxes de operadoras.

Dun total de 34 candidaturas presentadas, o Comité Avaliador Experto seleccionou 15 finalistas, tres por cada unha das categorías desa primeira edición: Innovación, Internacionalización, Liderado TIC, Start-up e Software Libre.

Sobre o Clúster TIC Galicia
O Clúster TIC Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro constituída en xaneiro de 2008 que reúne empresas, colexios profesionais, centros de investigación, emprendedores e outras entidades do macrosector das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) de Galicia. O seu traballo oriéntase a promover a internacionalización das empresas, o acceso ao financiamento, a transferencia tecnolóxica e a colaboración entre os seus socios para desenvolver proxectos innovadores de vocación global aliñados co programa europeo Horizonte 2020, a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e a Axenda de Competitividade Industrial - Galicia Industria 4.0, contribuíndo ao crecemento do sector TIC e á modernización da economía galega.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies