None
O Plan Estratéxico 2011-2013, verdadeira folla de ruta que marcará a pauta do crecemento do sector no futuro inmediato, ven de ser aprobado polo Comité Estratéxico. O Cluster traballa xa na súa próxima presentación pública, para dalo a coñecer á sociedade civil e ás administracións.
O Plan deseña 35 proxectos e programas de actuación orientados a tres grandes obxectivos estratéxicos: converter o Cluster TIC Galicia na organización integradora do macro-sector; incrementar a competitividade dos membros da entidade e promover o crecemento da cifra de negocio dos socios do Cluster.
Cada un dos programas que se desenvolverán nos próximos tres anos conta con obxectivos cuantificados e con criterios para o seguimento e medición do seu cumprimiento, a través do cadro de mando integral do Plan.
A Misión do Cluster TIC Galicia é definida no Plan Estratéxico mediante a seguinte fórmula: “Axuntar, coordinar e dinamizar os esforzos en aumento da competitividade, innovación, saída a novos mercados e cooperación coas administracións, empresas e institucións”. A vocación da entidade de impulsar a transformación do tecido produtivo sectorial queda plasmada na definición da Visión do Cluster: “Ser o vertebrador do macro-sector TIC de Galicia transformándoo nun modelo de cooperación competitiva”.
O Plan Estratéxico 2011-2013 do Cluster TIC Galicia é o resultado de varios meses de traballo precedido dunha análise do macro-sector, da cadea de valor, das súas capacidades e das súas inquedanzas. Traballouse sobre o contorno, local e global, analizáronse as previsións económicas, os mercados, as evolucións tecnolóxicas e as tecnoloxías de vangarda, así como o xeito en que estas afectarán ao desenvolvemento futuro do macro-sector.
Para a elaboración do traballo utilizáronse ferramentas consultivas, analíticas e descriptivas, fomentando durante toda a fase analítica a participación activa do macro-sector. Para a análise das relacións entre obxectivos, liñas e eixos estratéxicos, e para a formulación do cadro de mando (Balanced Scorecard) empregouse a metodoloxía amplamente contrastada dos profesores Robert S. Kaplan e David P. Norton. Asemade, para a análise das forzas que interveñen na competencia dun sector, recurriuse ao famoso modelo do diamante de Michael Porter, profesor e economista recoñecido mundialmente pola súas ensinanzas en xestión e administración de empresas e en polo seu labor no desenvolvemento de modelos de clusters e na súa exitosa posta en funcionamento.
Tamén se realizou unha extensa investigación sobre as mellores prácticas doutros clusters, tanto do macro-sector TIC como doutros sectores, a nivel nacional e internacional.
Comentarios