Os clusters, un instrumento para a mellora da competitividade do tecido industrial galego

Os clusters, un instrumento para a mellora da competitividade do tecido industrial galego



Os oitos clusters galegos integrados en ATCluster Espazo Compostela traballan de xeito colaborativo, desde hai catro meses, desde a súa nova sede no Edificio FEUGA en Santiago de Compostela. Os clusters que integran este novo espazo, xunto ao Clúster Audiovisual Galego (CLAG), son: Asociación Cluster del Naval Gallego (ACLUNAGA)Clúster do Produto Gráfico e do Libro GalegoCluster TIC GaliciaCluster Alimentario de Galicia (CLUSAGA)Cluster de Biotecnoloxía de Galicia,Cluster da Loxística e dos Transportes de Galicia e o Clúster da Madeira de Galicia (CMA).
 
Esta integración nun espazo común está a favorecer a identificación de sinerxías entre os diferentes sectores e a estruturación de proxectos colaborativos por parte dos oito organismos intermedios. Todo isto grazas ao carácter transversal dos clusters, que representan un valioso instrumento ao servizo da Administración para incrementar a competitividade dos sectores estratéxicos da economía galega.
 
Espazo común
 
ATCluster Espazo Compostela é unha iniciativa da Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), que busca favorecer a cooperación e colaboración interclusters a través da habilitación de espazos comúns de traballo. Esta iniciativa ten a súa orixe no proxecto europeo ATCluster, no que participou a Administración galega en colaboración cos oito clusters.
 
Os clusters comparten, desde o pasado mes de outubro, unha sala de coworking nas instalacións da Fundación Empresa Universidade de Galicia (FEUGA) en Santiago, a partir do marco de colaboración establecido entre o IGAPE e a Fundación.
 
Os clusters e as súas vantaxes 
 
Esta colaboración interclústers susténtase no intercambio de coñecemento acumulado sobre os distintos sectores. Os clusters acumulan competencia e cooperación, e traballan a prol da vantaxe competitiva e da especialización. Unha mellora competitiva que se produce a través do incremento da produtividade, da promoción da innovación e da creación de novas empresas.
 
Un cluster representa unha forma de organización diferente da tradicional que agrupa un conxunto de empresas que están localizadas nun ámbito xeográfico concreto, vinculadas a un sistema de valor industrial específico e que manteñen relacións de cooperación e complementariedade entre elas.
 
O desenvolvemento e o correcto funcionamento dos clusters resulta fundamental para conseguir unha economía avanzada, tal e como se desprende das teorías de Michael E. Porter, quen recoñece que canto máis avanzada é a economía dun país maior é a profundidade dos clusters que o integran.
 
Os clusters son a principal canle a través da cal a Administración coñece a realidade dun determinado sector da economía. A perspectiva obtida polos clusters da actividade desenvolta por un grupo de empresas permite apreciar as oportunidades de coordinación e mellora mutua en áreas de interese común, sen que isto debilite  a competencia.
 
A pertenza a un cluster por parte das empresas ofrécelles numerosas vantaxes, coma o acceso a unha grande cantidade de información especializada (comercial, técnica, asesoramento, etc.) dun xeito máis fácil e económico, permitíndolles incrementar a súa eficiencia e produtividade.
 
A magnitude económica de ATCluster Espazo Compostela
 
O conxunto dos clusters integrados en ATCluster Espazo Compostela representan un total de 3.941 compañías galegas cunha facturación anual de 7.858 millóns de euros. En canto ó emprego, as case catro mil empresas acollidas baixo o paraugas destes oito clusters xeran 50.386 postos de traballo.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies