Antonio Rodríguez del Corral, vicepresidente e presidente en funcións do Cluster TIC Galicia, interveu onte na xornada organizada por Xesgalicia en colaboración co propio Cluster sobre as axudas da Xunta para a creación e a consolidación de empresas innovadoras das tecnoloxías da información e a comunicación.
Neste encontro, que se celebrou no Museo Pedagóxico de Galicia, en Compostela, participaron uns cuarenta representantes de organizacións empresariais, plataformas e centros tecnolóxicos e grupos de investigación na área das TIC das tres universidades galegas.
Na apertura da xornada, Javier Aguilera, director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) asegurou que a Consellería de Economía e Industria aposta pola colaboración entre empresas galegas do sector TIC como fórmula para avanzar na mellora da súa competitividade e a súa internacionalización. Aguilera asegurou que existe un marco de apoio de privilexio para apoiar este tipo de proxectos, mediante préstamos participativos ou a través de programas do Igape. Con todo, salientou que as posibilidades do sector medrarán se existe cooperación entre as empresas para mellorar e para saír ao exterior.
O director xeral do Igape recordou que a Consellería de Economía e Industria dispón de instrumentos especializados como os fondos de capital risco i2C, Xes Innova, Xes Posibilita ou Emprende, dotados con 23 millóns de euros, para facilitar a posta en marcha ou o desenvolvemento de proxectos especialmente innovadores.
Comentarios