Gerardo Crespo Riestra, presidente do Cluster TIC Galicia, tomará parte no primeiro módulo do plan de formación do Voluntariado Dixital, titulado Voluntariado e TIC. Trátase dunha iniciativa da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. Ese primeiro módulo, centrarase na definición dos obxectivos e alcance do programa, e desenvolverase o día 20 de marzo, en sesións de mañá e tarde, no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, en Compostela. A xornada será inaugurada por Mar Pereira Álvarez, secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, e Ovidio Rodeiro Tato, director xeral de Xuventude e Voluntariado. Pola súa parte, o presidente do Cluster participará a partir das catro da tarde nunha mesa redonda titulada Experiencias de éxito no ámbito do voluntariado e as novas tecnoloxías. Crespo defenderá que as tecnoloxías da información e das comunicacións ofrecen extraordinarias oportunidades para poñer en marcha formas innovadoras de voluntariado e participación social, fará unha exposición sobre os principais retos aos que se enfrenta o sector TIC galego e explicará cales son as principais liñas de traballo do Cluster. A xornada ten por obxectivo dar a coñecer ao persoal técnico das entidades de acción voluntaria os recursos e ferramentas que as tecnoloxías de información e das comunicacións ofrecen para desenvolver tarefas de acción solidaria.
Comentarios