O Clúster TIC Galicia promove o proxecto "Certificados UNE-TIC"

O Clúster TIC Galicia promove o proxecto "Certificados UNE-TIC"


O Clúster TIC Galicia promove o proxecto “Certificados UNE-TIC” que ten por finalidade a implantación e certificación das empresas TIC na norma UNE166002 para mellorar a xestión da I+D+i. Dito proxecto está cofinanciado nun 50% polo Igape e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). 

Os sistemas de xestión da I+D+i, en base á norma UNE166002, permiten optimizar os procesos de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica baseándose en estruturas coñecidas de sistemas de xestión. Permiten ás empresas mellorar de xeito sistemático as súas actividades de I+D+i, sen encorsetalas en regras fixas que coarten a imaxinación e intelixencia emocional dos investigadores, proporcionando directrices útiles para organizar e xestionar eficazmente este tipo de actividades.

A norma UNE 166002 contén requisitos e directrices prácticas para a formulación e o desenvolvemento de políticas de I+D+i, para o establecemento de obxectivos acordes coas actividades, produtos e servizos específicos de cada organización, para a identificación de tecnoloxías emerxentes ou novas tecnoloxías non aplicadas no seu sector, cuxa asimilación e posterior transferencia proporcionarán a base para xerar proxectos, potenciar os seus produtos, procesos ou servizos e mellorar a súa competitividade.

A implantación destes procedementos e os seus correspondentes rexistros favorecerán a obtención de datos a través de informes, táboas, actas de reunión, etc. permitindo tomar as medidas necesarias para lograr unha xestión da I+D+i óptima.

A certificación da xestión da I+D+i en base á norma UNE 166002 permite ás empresas beneficiarse de importantes incentivos económicos e acceso a bonificacións sobre a cota da Seguridade Social e importantes deduccións fiscais, que permiten a obtención do informe motivado do Ministerio de Economía e Competitividade (segundo RD 1432/2003 e actualizacións).

As empresas que estean interesadas en participar no proxecto ou desexen máis información do mesmo deberán contactar co grupo de xestión do Clúster (info@clusterticgalicia.com; telf. 881 939 651). Existe un número limitado de prazas e as empresas serán escollidas por orde de manifesto de interese.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies