O Clúster TIC reforzará a súa colaboración co Centro Demostrador TIC, prestándolle apoio nos novos servizos que vai poñer en marcha. En particular, na resposta ás consultas vía web que plantexen as pemes e os profesionais autónomos, que o CDTIC se compromete a resolver nun prazo máximo de 96 horas. Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster, ofreceu este apoio na rolda de prensa que compartiu con Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e Francisco Javier Pérez Bello, presidente da Federación de Autónomos de Galicia.
Del Corral felicitou á Amtega por ter posto en marcha hai tres anos o CDTIC e apostar polo seu desenvolvemento. O presidente do Clúster sinalou que o centro é un "exemplo de colaboración público privada", eloxiou os novos servizos que vai pór en marcha e puxo á súa disposición o catálogo de produtos do propio Clúster que, segundo indicou, vai ser actualizado en setembro. Del Corral tamén apelou aos medios de comunicación para que dean a coñecer o labor do CDTIC como vía de acceso das pequenas empresas e os emprendedores ás solucións TIC desenvolvidas en Galicia, recordou que a introdución da tecnoloxías nos procesos produtivos é fundamental para que as empresas de todos os sectores poidan ser competitivas e avogou polo desenvolvemento de solucións baseadas en software libre.
Pola súa banda, Mar Pereira presentou os novos servizos do CDTIC, entre eles o CDTIC Virtual, que ofrecerá aos usuarios do centro a posibilidade de analizar e probar solucións empresariais libres que estarán aloxadas na nube. Igualmente, o CDTIC dará a posibilidade de participar nas súas actividades de xeito non presencial, a través dun servizo de streaming. A directora da Amtega sinalou que, desde a súa posta en marcha, o centro organizou máis de cen actividades nas que participaron arredor de cen empresas TIC colaboradoras e máis de mil empresas asistentes. Ademais, impartíronse máis 300 horas de formación altamente especializada. Pereira salientou o alto grao de satisfacción dos usuarios e colaboradores do centro e anunciou o inicio dunha campaña para ampliar o Mapa TIC.gal, no que están inscritos máis de 250 provedores galegos e que recibiu máis de 10.000 visitas web desde a súa posta en marcha en xullo de 2011.
Na súa intervención na rolda de prensa, Francisco Javier Pérez, presidente da Federación de Autónomos de Galicia, felicitou á Amtega e ao Clúster polo traballo feito para achegar a tecnoloxía aos traballadores autónomos que, segundo indicou, foran ata agora "os grandes esquecidos". Asegurou, nembargantes, que o nivel de alfabetización dixital deste colectivo está aínda en "niveis mínimos", polo que, indicou, aí existe un gran campo de traballo.
Comentarios