"O 92 por cento dos nosos clientes recomenda os nosos servizos"

"O 92 por cento dos nosos clientes recomenda os nosos servizos"


Naceu en 1999 como unha firma especializada en software específico para transporte internacional, pero Visual MS soubo diversificarse para crecer e traspasar fronteiras. Nicolás Osuna, responsable de Comunicación desta empresa viguesa distinguida pola súa excelente xestión dos recursos humanos, está convencido de que a satisfacción dos seus clientes e o prestixio nos mercados son motores que lles permitirán seguir avanzando.

Cales son actualmente as principais liñas de negocio de Visual MS?

Temos tres divisións, todas elas relacionadas co software empresarial: unha plataforma para desenvolvemento de aplicacións, Velneo; desenvolvemento de software libre para ERP, VisualBeo; e software específico para transporte internacional, que comercializamos baixo a marca VisualTrans.

Que evolución seguiu a empresa dende a súa fundación?


Visual MS naceu en 1999 a través da liña de negocio de software para o transporte. Pouco a pouco conseguimos un bo número de clientes, o que nos permitiu consolidarnos e decidimos diversificarnos, para o cal desenvolvemos a plataforma de desenvolvemento de aplicacións. Chegamos a ter máis de 60 empregados. Actualmente temos 49.

Cales son os perfís dos seus clientes?

Os nosos clientes son, por unha parte, desenvolvedores de software e, por outra, dentro do mundo do transporte, transitarios, consignatarios, axentes de alfándegas e operadores loxísticos.

Visual MS é unha compañía internacionalizada. En que países teñen presenza?

A nosa internacionalización é a través da nosa plataforma de desenvolvemento de software Velneo, que realiza o dez por cento da súa facturación en Latinoamérica. Basicamente, en Arxentina, Chile, México e Colombia. Velneo ten a vantaxe de que é puro Internet, aínda que organizamos un evento presencial anual. Isto obviamente facilita o labor de vender no estranxeiro. Con Velneo soubemos aproveitar as vantaxes que supón, por unha parte, o uso do castelán para entrar en América Latina e, por outra, o feito de que ao traballar online non temos que preocuparnos de temas como o transporte ou as alfándegas.  

Obtiveron durante tres anos o premio Best Place to Work. Como o conseguiron?


Chegamos a ocupar ao número un na nosa categoría, por diante de Google. Para obter esa recoñecemento valóranse cousas como a transparencia, a confianza nos directivos, a boa convivencia, o respecto, dispoñer de fórmulas que permitan conciliar a vida laboral e a familiar, ou a flexibilidade horaria, que no noso caso conseguimos coa posibilidade de traballar dende casa. Algunhas destas cousas poden soar extraordinarias, pero realmente é o lóxico se queres ter contenta á xente que traballa contigo, o cal é fundamental para que o rendemento sexa bo.

É a xestión do capital humano un elemento que diferencia a Visual MS da súa competencia?

Eu creo que si. Visual MS nun bo lugar para traballar tanto dende o punto de vista dos que formamos parte da organización como dende o punto de vista dos nosos clientes. En Velneo, por exemplo, os nosos clientes din que lles gusta a nosa proximidade. E nas outras dúas divisións tamén tratamos de que o cliente nos coñeza, que visite as nosas oficinas, e o feedback é moi positivo. Todo iso tradúcese en satisfacción e fidelidade. O 92 por cento dos nosos clientes recomenda os nosos produtos ou servizos.

De que modo están a facer fronte á crise económica?

Pois a verdade é que estamos a aguantar razoablemente ben. En xeral o sector tecnolóxico vai aguantando o tirón. Nós temos a vantaxe de que o transporte internacional creceu pola necesidade das empresas de exportar. Ademais, desenvolvemos unha política de subscricións e pagamentos mensuais que nos dá bos resultados. Outro elemento que nos favorece é que as nosas solucións teñen prestixio e son moi competitivas en prezo, e iso valórase máis que nunca en tempos de dificultades, nos que hai que medir moito os investimentos. En definitiva, estamos contentos cos resultados que estamos a ter porque, coa que está a caer, mantemos a nosa base de clientes e estamos a facer outros novos.

Como ve o futuro de Visual MS a cinco anos vista?

Nese prazo vexo a Visual MS máis fóra de España. De feito, estamos a traballar para internacionalizar VisualTrans. Creo que creceremos en todas as nosas liñas de negocio, porque seremos capaces de lograr máis clientes poñendo en valor o prestixio e a competitividade dos nosos produtos e servizos.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies