Por Ricardo Fernández, tesoureiro do Cluster TIC Galicia.
Quero dedicar as primeiras palabras desta presentación da nova edición do noso boletín interno a realizar unha pequena reflexión sobre cal é a verdadeira fortaleza do Cluster TIC Galicia.
Como é sabido, a nosa organización reúne empresas, asociacións empresariais e asociacións e colexios profesionais. Esa capacidade para sumar forzas, integrando entidades de diferente natureza, é o que fai que o Cluster sexa concebido como unha representación da unidade do sector TIC galego ante a sociedade e as administracións, que recolle o pluralismo construtivo das distintas formacións que o compoñen.
Esa unidade é moi importante para Galicia e é a nosa verdadeira forza como organización. Para preservala e alimentala é imprescindible que ninguén sexa discriminado: que todas as voces sexan escoitadas e todas as sensibilidades respectadas.
Esa é unha das tarefas fundamentais do Cluster, e ponse de manifesto no labor que se está a desenvolver desde os órganos da entidade e tamén desde os grupos de traballo. Exemplos diso son as investigacións postas en marcha polos grupos de Formación e de Internacionalización para coñecer as necesidades dos socios en ambos os dous eidos, ou os proxectos que o grupo de Marketing está promovendo para mellorar o coñecemento e a comunicación interna. Igualmente importante é o labor dos outros grupos, como Finanzas ou Innovación, o da Comisión de Deontoloxía, etcétera.
Finalmente, desde a miña responsabilidade de tesoureiro quero destacar o feito de que a pesar das graves dificultades polas que atravesa a nosa economía, o Cluster TIC está saíndo adiante, traballando polo beneficio das nosas empresas e das nosas asociacións profesionais e empresariais. Isto é posible porque contamos co compromiso e co esforzo de todos. Quero animarvos a que continuemos traballando coa mesma xenerosidade.
Comentarios