Por Jorge Cebreiros Arce, secretario do Cluster TIC Galicia.
Prezado socio:
O camiño que leva percorrido o Cluster TIC Galicia é o propio dunha organización nova, nacida da iniciativa do sector e impulsada por unha vontade de cooperación e xenerosidade. Estes valores son sempre necesarios para levar adiante un proxecto colectivo, pero teñen aínda máis importancia nunha situación económica difícil como a que vivimos no presente e, previsiblemente, viviremos no futuro inmediato.
Por iso, o Cluster púxose a funcionar desde o primeiro día, ao principio case sen medios, dando cada unha das persoas que formamos parte da organización o mellor de nós mesmos. Hai que recordar que levamos xa sete reunións do Comité de Dirección, cinco do Comité Estratéxico e múltiples xuntanzas dos grupos de traballo.
Na primeira fase da vida do Cluster viuse necesario obter a lexitimidade para nos converter no interlocutor de referencia do sector TIC ante a Administración e a sociedade civil galega. Por esa razón, promovimos encontros ao máximo nivel co Goberno de Galicia (Presidencia, SXMIT, etc.) e con entidades representativas doutros sectores económicos (Clúster da Automoción, Asociación Galega de Editores, etc.). Fixemos tamén que o Cluster participara en eventos importantes para o noso propio sector, como é o caso do Salón Internacional de Tecnoloxía SITE 2010. Traballamos, asemade, para que esa actividade tivera eco nos medios de comunicación, que é o xeito de chegar a toda a sociedade.
Ademais diso, como resultados tanxibles dos primeiros seis meses de xestión temos a consecución, xunto a Vindeira, da cualificación de Agrupación Empresarial Innovadora (AEI); a posta en marcha dun ambicioso Plan de Formación, e o exitoso proceso de elaboración do Plan Estratéxico 2011-2013, no cal as consultas cos socios e as entidades relacionada co sector marcan o camiño polo que deberemos circular nos próximos anos.
Todo ese labor desenvolveuse nos primeiros meses sen contar cunha estrutura administrativa propia. Poñela en marcha supuxo tamén un esforzo importante, grazas ao cal en setembro puidemos incorporar un equipo de profesionais e, desde outubro, contamos por fin cun xerente, David Trigo.
Esa estrutura profesional vainos axudar a que o traballo que seguiremos desenvolvendo sexa cada vez máis visible e se traduza en servizos de calidade, á altura das necesidades dos nosos socios e das expectativas que toda a sociedade galega ten postas no Cluster TIC Galicia. Ese segue sendo o noso compromiso.
Comentarios