Novas Cluster TIC Galicia nº 10. Editorial

Novas Cluster TIC Galicia nº 10. Editorial


None



David Trigo, xetente do Cluster TIC Galicia

Prezado socio:

Presentamos un novo número do noso boletín ‘Novas’, que neste caso da conta das actividades desenvolvidas nos meses de xullo e agosto. Neste período de verán, no que é habitual que a actividade descenda, o Cluster seguiu despregando o seu labor, sobre a ruta marcada polo noso Plan Estratéxico 2011-2013 para o que, por certo, vemos de recibir un importante soporte de financiamento vía subvencións da Consellería de Economía e Industria.

Entre os traballos efectuados quero salientar o proceso de elaboración da proposta para unha estratexia de financiamento do noso sector en 2012. É esta unha tarefa que a Xunta de Galicia nos confiou por medio do convenio marco que asinamos a finais do mes de xuño. A importancia do traballo e a brevidade do prazo para a súa execución obrigounos a actuar con celeridade, convocando un concurso para apoiar a posta en marcha dunha oficina técnica ad hoc. Finalmente foi a oferta presentada por Tecnocom e Estratega Consulting Global a que resultou gañadora.

Esta oficina técnica desenvolveu entre finais de xullo e principios de agosto unha primeira rolda de mesas redondas para recoller as necesidades e opinións dos diferentes actores do sector: profesionais independentes, empresas, asociacións, colexios profesionais, etcétera. Deste xeito todos os socios están tendo a oportunidade de participar na elaboración do documento. Quero agradecer o esforzo realizado por todos os que asistiron ás mesas redondas, especialmente tendo en conta que tiveron lugar nunha época na que moitos aproveitan para disfrutar dun merecido descanso.

Importante foi tamén a participación no encontro de ATClusters en Rennes. Como representantes do sector TIC Galego tivemos ocasión de continuar os contactos con entidades asociativas similares á nosa do arco atlántico europeo, na procura de intereses comúns e da posta en marcha de recursos compartidos. A pertenza a ATClusters é importante na política de relacións internacionais da nosa entidade.

Termino desexando que a volta das vacacións de verán nos sirva a todos para retomar o traballo con renovadas enerxías e ilusións. Enerxías e ilusións que van ser necesarias para afrontar un mes de setembro que ven cargado de citas, entre as que destaca a xornada do Foro de Inversión Galicia sobre financiamento de startups innovadoras. Iniciativas como esta demostran o dinamismo das TIC galegas. Tede por seguro que o Cluster continuará exercendo o liderado do noso sector, co pulo das empresas, asociacións e colexios profesionais implicados no proxecto, e co importante respaldo das administracións e da sociedade galega.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies