"México entra nos nosos plans a curto prazo"

"México entra nos nosos plans a curto prazo"


Traballar cos mellores e baixo a máxima esixencia é o día a día de Ozona, unha compañía de servizos TI con corazón galego e visión internacional que está disposta a saltar o charco para seguir crecendo. Así o asegura Sebastián Santiago Area, director de Ozona en Galicia. México pode sumarse pronto ao eixe Santiago - Madrid - Barcelona - Lisboa.

Dentro das solucións baseadas en servizos e produtos TI, en que segmentos de negocio se centra Ozona?

Ofrecemos servizos de Virtualización & Cloud Computing, e servizos de Consultoría de Procesos. Ambas as dúas liñas teñen encaixe en todo tipo de segmentos de mercado. Destacamos o sector das Telecomunicacións, onde tanto os proxectos e servizos relacionados coas plataformas cloud, coma os proxectos de consultoría son absolutamente claves. Desenvolver proxectos en plataformas de provedores de servizos cloud, como unha certificación ISO 20000, que certifica servizos de TI, son proxectos estratéxicos para este tipo de compañías.

Cales son os seus clientes máis destacados?

Portugal Telecom, Colt, Arsys, R Cable, no segmento das Telcos. Sergas, Grupo Espiritu Santo Saude, Consorci Sanitari Integral de Barcelona, en Saúde. Banco Pastor, Iberdrola, Prosegur, Ferrovial... Son compañías que confiaron en Ozona para os seus proxectos, moitos dos cales son proxectos de continuidade. Plataformas en constante evolución, nas que a tecnoloxía está a ser clave e se está a estender nas distintas unidades das corporacións.

Que traxectoria de crecemento seguiu a compañía dende o seu nacemento en Santiago en 2002?

Acabamos de cumprir os nosos primeiros dez anos de actividade. Creamos a empresa os cinco socios que actualmente a diriximos e xestionamos. Ozonar está participada nun 30% por Novagalicia Banco e a facturación do pasado exercicio foi de 8 millóns de euros. Contamos en equipo con 55 empregados e temos oficinas, como a de Lisboa, na que o incremento de persoal se situou nun 30% o pasado ano, malia a profunda crise económica que se vive tanto en Portugal coma en España.

Que tipo de esixencias formula o traballo con grandes compañías multinacionais?

As grandes corporacións non son alleas á crise. Teñen que reducir custos, aumentar a produtividade e afrontar proxectos que acheguen beneficios claros para o seu negocio. O usuario final é clave nas grandes corporacións xa que é moi heteroxéneo e con necesidades dispares. Ozonar propón a este tipo de organizacións proxectos de consultoría de servizos de virtualización que denominamos Assessment. Trátase dunha intervención con metodoloxía propia de Ozona que permite facer unha análise previa á execución en si dos proxectos. Avalíanse todos os factores claves para que un proxecto de virtualización cumpra cos obxectivos formulados pola organización. Conséguese unha análise clara e atinada do punto de partida do proxecto que é básico para levar a cabo a implantación con garantías de éxito.

Como é a relación con grandes líderes internacionais como Microsoft, dos que Ozona é colaborador?
O noso modelo de negocio baseado na especialización obríganos a ter as máximas competencias dos fabricantes cos que traballamos. Este é o caso de Microsoft do que somos Gold Partner Virtualization. Tamén somos partners de fabricantes como Citrix e VMware. Parte do noso traballo consiste en desenvolver estratexias conxuntas cos fabricantes e traballamos con eles da man para abordar con éxito os proxectos. A relación con fabricantes desta envergadura non é sinxela e é distinta en cada caso, pero é clave para obter o noso recoñecemento no mercado.

Que peso teñen na carteira de cliente de Ozona as administracións públicas? Estanlles a afectar os recortes no investimento público?

Rrepresentan unha porcentaxe pouco significativa da nosa facturación actual. Non obstante, son clientes aos que podemos achegar un alto valor engadido con proxectos de redución do TCO, tanto en plataformas de data-center como de desktops. Desgraciadamente, son proxectos que nestes momentos non se poden abordar.

Ozonar ten unha posición de liderado en virtualización de 'desktops' Que vantaxes achega e en que sectores se pode implantar?

Contamos cunha proposta de valor que denominamos "a transformación do posto de traballo" que consiste en poder vitualizar o propio PC, illar o usuario do dispositivo que utiliza para traballar, que é realmente o cliente final, e darlle unha experiencia mellor se cabe que a que lle podería dar un equipo tradicional, que hai que renovar cada certo tempo, que hai que actualizar e que xera intervencións constantes.

Cre que o teletraballo alcanzou o nivel de desenvolvemento que se esperaba del?

O teletraballo é un concepto en auxe e estanse a abordar proxectos dende todos os sectores. A crise provoca tamén unha crise de espazo nas oficinas que está a dar máis peso á rendibilidade que se obtén con modelos de traballo mixto que combinan traballo presencial e remoto.

En consultoría de procesos, Ozona aposta forte tamén pola certificación ISO 20000. Que achega ás empresas?


A ISO 20000 é un estándar internacional de xestión de servizos TI. Permite ás organizacións que prestan servizos informáticos, tanto internos coma externos, demostrar conformidade cunha serie de requisitos organizados por procesos. Todos os requisitos son xenéricos e pretenden ser aplicables a todo tipo de organizacións prestadoras de servizos, independentemente do tipo, tamaño e natureza dos servizos prestados. O que a ISO 20000 achega é unha capa de xestión, para ir gañando en organización e control na provisión dos servizos: ter informes xornais significativos a nivel de servizo, calcular indicadores e KPIs relevantes, etcétera. Tendo un maior control sobre os servizos, co tempo conseguirase dar un mellor servizo e gañar en eficiencia.

Ozonar ten oficinas en Santiago, Madrid, Barcelona e Lisboa. Teñen previsto continuar a expansión territorial?

México entra nos plans de internacionalización da compañía a curto prazo. Acudimos como relatores a conferencias e foros especializados en materia de ITIL/ISO 20000 e prevemos organizar en outubro o Forum ISO 20000, evento internacional de periodicidade anual que vimos organizando dende hai dous anos en Lisboa, Madrid e Barcelona.

Cales cre que son os principais retos do tecido TIC galego?
Os galegos somos traballadores e emprendedores por natureza, pero temos que dar un paso máis para facernos valer en mercados de alto potencial e alto valor engadido.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies