I Xornada de Transferencia sobre Análise Avanzada de Vídeo

I Xornada de Transferencia sobre Análise Avanzada de Vídeo



O pasado 24 de xullo celebrouse no edificio CITEXVI en Vigo a I Xornada de Transferencia sobre Análise Avanzada de Vídeo, organizada porlo Clúster TIC Galicia e o Centro Tecnolóxico Gradiant. Durante a mesma, as empresas presentes comprobaron de primeira man a aplicabilidade dos sistemas de análise de vídeo, os sistemas de recoñecemento facial, os sensores 3D e a realidade aumentada a diversos sectores e aplicacións coma seguridade, saúde ou marketing.

A xornada comezou cunha charla técnica sobre os sistemas de análise de vídeo e as súas posibilidades na interpretación de esceas con aplicacións en seguridade e cidades intelixentes, continuando coa charla sobre sistemas de recoñecemento facial e a súa aplicabilidade en biometría, localización e catalogación de contidos. A terceira charla centrouse nos usos dos sensores 3D actuais en sectores coma o sanitario, pechando as charlas técnicas a adicada ao concepto de realidade aumentada e as súas múltiples aplicación en diversos sectores e liñas de mercado coma a formación, o ocio ou as interfaces avanzadas para a vida cotiá

Como peche da xornada, tivo lugar unha mesa de debate na que se amosaron as principais tendencias e oportunidades vencelladas ás tecnoloxías expostas ao longo da mañá e na que as empresas puideron resolver as súas principais dúbidas sobre as tecnoloxías amosadas e a súa aplicabilidade nas súas liñas de negocio actuais. Asimesmo, o Clúster realizou unha presentación sobre as oportunidades de financiamento tanto para o fomento da transferencia tecnolóxica a través da compra de licenzas coma a través de proxectos en cooperación con centros de coñecemento, como é o caso do futuro Conecta PEMES, ou as posibilidades de financiamento privado que ofrece Vindeira Capital Network para start-ups.

Un dos eixos centrais da xornada, que conseguiu captar totalmente a atención dos asistentes, xirou ao redor das sesións de demostración nas que as empresas puideron coñecer de primeira man o funcionamento das tecnoloxías e coñecer in situ o potencial das mesmas.

Tal e como se comentou ao longo da xornada, esta actividade constitúe o inicio dunha serie de xornadas de transferencia tecnolóxica que se realizarán noutros centros de coñecemento galegos ao longo dos vindeiros meses.

Pódese consultar toda a información dispoñible nos documentos para descarga, ao pé desta nova. No caso de que algunha empresa non puidera asistir e este interesada en coñecer máis polo miúdo información sobre as tecnoloxías tratadas, pode poñerse en contacto co clúster a través do correo info@clusterticgalicia.com

Xornada_Análise de Video

Xornada Análise Avanzado de Vídeo_Perspectivas e oportunidades (1)

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies