Entrevista a Manuel L. Pan

Entrevista a Manuel L. Pan


Manuel L. Pan é o CEO de Abertal desde a súa creación en 1997. Actualmente a empresa está especializada en dúas seccións ben diferenciadas, a Consultoría Estratéxica en TIC e na área de Turismo e TIC.

Un postgrao en Telemática pola UDC e outro en Planificación de Destinos Turísticos pola UOC marcaron as liñas de especialización nas que asentamos o noso proxecto empresarial.

Foi membro  destacado  durante anos  de distintas entidades asociativas tanto do ámbito das TIC como do sector turístico. Unha implicación e participación que marcan o carácter colaborativo da propia empresa na que se entende a acción empresarial como un xeito de crear ecosistemas de convivencia, tanto cos traballadores como con outras empresas.

Vén de acceder ao CODI para xestionar a representación das PEMES e da área de Turismo dentro do Clúster.

Qué destacaría da situación actual do Clúster e cal sería o principal obxectivo a acadar durante o seu mandato?

O feito de reconducir o Clúster cara a un verdadeiro espazo de colaboración empresarial e o feito de reformular as súas estruturas executivas para que sexan un reflexo das TIC galegas, conseguirá relanzar e avivar a ilusión do sector TIC por ter unha única entidade representativa e de referencia.

Agora hai que demostralo, temos que ser quen de traballar para eliminar as debilidades, subir en capacidades e conseguir crear un polo de coñecemento que sexa referencia a nivel estatal e internacional.

Precisamos xerar proxectos que dean cabida a empresas con independencia do seu tamaño, estou convencido de que esta cooperación xerará confianza e permitirá axilizar e mellorar a captación de novos proxectos e de maior envergadura e afianzar e afortalar ao sector.  

Coa responsabilidade asignada como membro do CODI, qué obxectivos se marca?

A nivel turismo, Galicia está nun momento ideal para que sexamos capaces de definir un proxecto para a "dixitalización integral dun destino turístico", un produto moi interesante que nos abriría unhas importantes vías de internacionalización.

Somos unha potencia turística aínda que a aplicación da tecnoloxía neste ámbito ten todo por desenvolver, mais temos o potencial e a capacidade e esta debilidade debemos convertela nunha oportunidade, para iso esperamos contar co apoio da propia administración autonómica, que nestes momentos está poñendo en marcha un gran proxecto neste eido e esperamos que non sexa un simple proxecto de compra de tecnoloxía desenvolta en outra latitudes.

A transversalidade das TIC e a potencialidade turística de Galicia abre moitas frontes e múltiples posibilidades e desde o Clúster temos que saber canalizar, resolver e mellorar.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies