eLABORO desenvolve unha aplicación para notificación de incidencias ao Concello de Cabanas

eLABORO desenvolve unha aplicación para notificación de incidencias ao Concello de Cabanas



O alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muiño, e o director executivo de eLABORO, Jesús Velasco, presentaron hoxe a aplicación Cabanízate, dirixida a facilitarlles aos veciños unha nova vía de interacción co concello. Nun acto desenvolvido en Neaño e ao que asistiron membros do Goberno local, persoal do concello, das empresas concesionarias e representantes de diversos colectivos sociais de Cabana, Muíño e Velasco explicaron as múltiples vantaxes que vai representar esta ferramenta tecnolóxica a prol da notificación de avisos por parte da poboación cabanesa. A aplicación está xa dispoñible para a súa descarga gratuíta en Google Play, para plataformas Android, e en App Store, para plataformas iOS de Apple.

Segundo sinalaron, a principal función de Cabanízate é a de poñer nas mans dos veciños unha ferramenta coa que informar en calquera momento e lugar de incidencias detectadas en mobiliario ou espazos que dependen do concello: alumeado, recollida do lixo, rede de sumidoiros, instalacións municipais,… As notificacións derívanselles ás persoas responsables de cada área, incluíndo as empresas concesionarias, que poderán facer un seguimento constante da xestión das incidencias, desde que se coñece ata que se resolve. Pola súa parte, o cidadán tamén terá constancia, tanto da recepción do seu aviso como da solución do problema, a través de mensaxes que recibirá directamente no dispositivo desde o que enviou a notificación.

Trátase así de potenciar a eficacia e a transparencia na xestión das incidencias que se produzan na localidade de Cabana, ao tempo que se lle facilita á poboación unha nova vía de comunicación co concello. Neste sentido, o alcalde fixo un chamamento á colaboración cidadá para poñer en coñecemento dos responsables locais calquera incidencia co obxectivo de lograr, coa implicación de todos, a máxima axilidade na súa solución.

SOBRE eLABORO
eLABORO S.L é unha empresa de capital galego que desenvolve a súa actividade profesional no ámbito da consultaría tecnolóxica e de organización, especialmente no eido da Administración pública e das grandes corporacións. Con sede en Santiago de Compostela e delegación en Sevilla, implantou as súas solucións tecnolóxicas en diversos puntos do territorio español, a nivel autonómico (Xunta de Galicia, Gobierno de Navarra, Generalitat de Catalunya, Govern de les Illes Balears,…) e local (Cádiz, Gijón, Cáceres, Pontevedra,…). 

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies