Dezaoito empresas e entidades pertencentes aos sectores das Tecnoloxías de Información e das Comunicacións (TIC) e Audiovisual compartiron hoxe unha xornada de traballo co obxectivo de poñer as bases para o desenvolvemento de fórmulas de cooperación e oportunidades de negocio conxuntas. Este encontro de networking foi organizado polo Cluster TIC Galicia, o Cluster Audiovisual Galego (CLAG) e a asociación empresarial Eganet, e celebrouse en Santiago de Compostela.
Ao longo de toda a mañá, os participantes na xornada mantiveron entre eles encontros cara a cara, co obxecto de coñecer as capacidades e necesidades de cada empresa, establecer relacións de confianza e investigar posibles vías de traballo conxunto. Un almorzo puxo fin ao encontro.
A gran complementariedade entre os sectores TIC e Audiovisual inspirou a organización desta iniciativa. A este respecto, desde o Cluster TIC sinálase que as empresas dun e outro sector poden axudarse mutuamente a aproveitar mellor os seus recursos para fortalecerse, ser máis competitivas e afrontar con garantías o reto da internacionalización. Na mesma liña, desde o CLAG saliéntase que as tecnoloxías dixitais van ser o verdadeiro motor da industria audiovisual no futuro inmediato.
As entidades que tomaron parte nesta iniciativa foro as seguintes: CESGA (Fundación Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia); Cinfo; CRTVG (Compañía de Radio/Televisión de Galicia, S.A.); Desoños, S.L; Enxenio, S.L.; Everis Spain, S.L.U.; Explica Ingenieros, S.L.; Ficción Producciones; Igalia, S.L.; Ilux Visual Technologies, S.L.; Imatia Innovation, S.L.; Ipoki Technologies, S.L.; R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A.; Spica, S.L; Streaming Galicia; Visual Publinet, S.L., e Zoamedia, S.C.
Comentarios