As empresas españolas vólcanse na feira da industria da radiodifusión máis importante do mundo

As empresas españolas vólcanse na feira da industria da radiodifusión máis importante do mundo


Segundo informou a Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Información, Telecomunicacións e Contidos Dixitais (Ametic), a 85ª edición da National Association of Broadcasters de Estados Unidos, NAB 2012, a maior feira da industria profesional de radiodifusión, contará coa máis importante participación de empresas españolas da historia. Serán 20 as firmas que acudirán a esta relevante cita,  o que representa un aumento do 17,6% respecto a 2011, e entre todas ocuparán unha superficie expositora de 734 metros cadrados, o maior espazo contratado xamáis pola delegación española e un 22% máis que a última edición.

Como en anos anteriores, a participación española neste evento, que se desenvolverá na cidade de Las Vegas do 16 ao 19 de abril, está coordinada pola Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Información, Telecomunicacións e Contidos Dixitais (Ametic) en colaboración co Instituto Español de Comercio Exterior (Icex).

Nesta edición, NAB convértese “no destino esencial para os medios electrónicos e dixitais” e espera alcanzar a cifra de 1.600 expositores, coa participación de 200 novas empresas. Entre as novidades deste ano, destacan o pavillón de Cloud Computing no vestíbulo central e o loft para start-ups no vestíbulo sur. En canto aos seminarios técnicos, resalta a sesión “Explorando o Futuro da Televisión Móbil Dixital” sobre as perspectivas de fututo da televisión e a radiodifusión móbil.

De acordo cos datos de Ametic, na pasada edición, as empresas españolas asinaron un total de 86 contratos por un valor aproximado de máis 20 millóns de euros. Así mesmo, realizáronse preto de 2.500 contactos con empresas, dos que máis de 1.400 foron novos, principalmente con compañías de Latinoamérica, Estados Unidos e Canadá. O pavillón español contou ademais con visitantes procedentes de Oriente Medio, Australia e o Sueste Asiático que mostraron o seu interese pola calidade da oferta tecnolóxica española.

En 2011, NAB congregou máis de 88.000 visitantes, o que supón un incremento do 7% con respecto ao ano anterior. Do número total de visitantes, máis de 24.000 foron de carácter internacional procedentes de 150 países.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies