O xoves día 11 de agosto, ás 10:30 da mañá, as empresas socias do Cluster TIC Galicia están citadas para participar na mesa de debate sobre a estratexia de financiamento do sector. A xuntanza terá lugar no Hotel Puerta del Camino, na rúa Miguel Ferro Caaveiro S/N, en Santiago de Compostela.
Trátase dunha convocatoria importante, xa que significará para as empresas de todos os tamaños a oportunidade de participaren activamente no proceso de elaboración do documento, expoñendo as súa visión e aportando opinións e ideas. A confección dunha estratexia de financiamento do sector TIC galego para 2012 foi encomendada ao Cluster pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica (SXMIT) da Xunta de Galicia, a través dun convenio marco asinado por ambas as dúas entidades.
No proxecto traballa unha oficina técnica que ten posto en marcha unha rolda de reunións coas diferentes entidades membras do Cluster, co fin de recabar todas as sensibilidades. Así, o pasado día 27 de xullo celebrouse unha primeira mesa de debate, á que se convocou ás asociacións empresariais. O proceso continuou o 5 de agosto, coa xuntanza dos colexios e asociacións profesionais, e rematará coa mesa das empresas programada para este xoves, día 11.
De cara a axudar ás empresas a preparar a súa participación na mesa de debate, e como ferramenta para que as que non poidan asistir teñan a oportunidade de aportar as súas opinións, tense elaborado un formulario.
Desde a Administración do Cluster, solicítase ás empresas que fagan chegar na maior brevidade posible a confirmación da súa asistencia ou o formulario debidamente cumplimentado. En ambos os dous casos deben dirixirse á direccion info@clusterticgalicia.com
Comentarios