Antonio Rodríguez del Corral di que o comercio electrónico necesita unidade e ter en conta as novas formas de navegación

Antonio Rodríguez del Corral di que o comercio electrónico necesita unidade e ter en conta as novas formas de navegación


"Xa non se navega como antes. Baixou o uso do PC e creceu o emprego do móbil e das aplicacións, e as empresas teñen que estar aí co seu catálogo". Deste modo, Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia, advertiu da necesidade que ten o pequeno comercio de unirse, buscar socios operativos e desenvolver boas estratexias e ferramentas para poder competir na Rede.

Rodríguez del Corral fixo estas apreciacións durante a súa intervención no Primeiro Foro de Comercio Electrónico e Redes Sociais organizado polo Grupo El Correo Gallego, que tivo lugar o mércores 28 de novembro en Santiago de Compostela. O presidente do Cluster advertiu "que non pode ser que haxa 70 proxectos de comercio electrónico en Galicia" e sinalou que as boas estratexias e ferramentas "custan cartos". Por outra parte, criticou que España teña a lexislación "máis intervencionista" e "máis farragosa" de Europa en comercio electrónico.
Na xornada interveu tamén Manuel Pan, xerente de Abertal Networks (empresa socia do Cluster), quen destacou tamén o crecente papel dos dispositivos móbiles e advertiu que as empresas deben determinar se a Rede é o mellor camiño para chegar aos seus clientes.

Pola súa banda Luis S. Fernández Díaz, secretario xeral da Federación Galega de Comercio, destacou o carácter imprescindible da tecnoloxía e asegurou que xa son 200 os comercios que se sumaron á plataforma de comercio electrónico impulsada pola entidade.

A xornada de El correo Gallego foi clausurada por Mar Pereira, directora da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), quen indicou que a venda online de bens e servizos por parte das pequenas e medianas empresas da comunidade autónoma creceu un 40% nos dous últimos anos.  

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies