A Xunta aposta por fomentar oportunidades de negocio e apoiar ás empresas galegas nos mercados internacionais

A Xunta aposta por fomentar oportunidades de negocio e apoiar ás empresas galegas nos mercados internacionais


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xunto co conselleiro de Economía e Industria, mantiveron nesta semana unha reunión de traballo un día despois da viaxe institucional do xefe do executivo galego por Uruguai, Arxentina, Brasil e Colombia e que estivo marcada pola potenciación da internacionalización das empresas galegas e por establecer novos vínculos e colaboracións estratéxicas en distintos eidos económicos.

Tras a xuntanza, que tivo lugar nas dependencias de San Caetano, Javier Guerra incidiu no obxectivo da Xunta de ofrecer oportunidades de negocio e apoiar ás empresas galegas nos mercados internacionais e, recalcou que as compañías de Galicia contan cos medios necesarios para optar aos contratos públicos que promoven organismos multilaterais e outras institucións públicas internacionais. Deste xeito, o Goberno galego traballa no propósito de pechar o exercicio de 2012 cunhas 500 empresas exportadoras inscritas no Servizo de Acceso a Licitacións Internacionais (SALT), financiado polo IGAPE e impulsado pola Confederación de Empresarios de Galicia. Dito servizo case conseguiu duplicar en 2011, con respecto ao ano anterior, o número de contratos para empresas galegas no ámbito das licitacións. A día de hoxe o importe total das adxudicacións a empresas galegas a través deste sistema é de máis de 78 millóns de euros.

Ademais do SALT, o IGAPE está impulsando a elaboración de diagnósticos gratuítos a través do plan re-Acciona e da asistencia especializada nos países de destino grazas ás 14 plataformas da rede de Plataformas empresariais no exterior de Galicia (Pexga), posta en marcha pola Xunta. No que vai de ano, a Pexga facilitou 3.100 servizos ou intermediacións entre empresas dos países onde están localizadas e os emprendedores galegos.O conselleiro incidiu na importancia deste tipo de iniciativas que reforzan o apoio incondicional da Xunta de Galicia á política de internacionalización e o compromiso co impulso das exportacións que se materializa en accións concretas como a lei de política industrial -para facilitar os investimentos de compañías estranxeiras ou nacionais en Galicia-, o plan Foexga ou a mencionada rede Pexga.

Fonte: Xunta de Galicia

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies