O Clúster TIC Galicia desenvolveu a súa II Misión Comercial Inversa na que centrou obxectivos e esforzos na apertura de negocio en países latinoamericanos. Catro días nos que o Clúster TIC reforzou o seu traballo en materia de internacionalización potenciando e creando sinerxías con empresas e entidades de Colombia, Ecuador e Portugal.
Tivemos a oportunidade de coñecer a situación e as estratexias que se están executando nestes países, as necesidades detectadas e os avances logrados en materia de innovación e nas tecnoloxías da información e da comunicación. Pola súa parte, as empresas e entidades galegas fixeron a súa presentación destacando capacidades, especialidades e competencias, así como dos produtos e servizos xa dispoñibles e que son adaptables ás necesidades específicas que se tiñan indicado por parte dos invitados internacionais.
O Clúster TIC potencia a colaboración, aliña estratexias e xera oportunidades de negocio
No ecosistema Clúster TIC Galicia contamos con grandes integradores e exportadores, con pemes especializadas con produto, con 5 centros tecnolóxicos e con máis de 2.290 empresas TIC en Galicia. Unha base sólida que reforzamos con colaboracións internacionais con outros clústeres, como é o caso de Portugal, Alemaña, Reino Unido e Suecia; e todo elo permítenos desenvolver a nosa propia estratexia de especialización que baseamos en tres eixos principais, o Goberno Electrónico no que potenciamos o desenvolvemento das smartcities, a saúde, a educación, o transporte e a participación; a Intelixencia Artificial para fortalecer o traballo na intelixencia das bases de datos, o descubrimento de patróns e a simulación de procesos; e promovemos Internet das cousas xerando oportunidades para o desenvolvemento da sensorización do fogar e da saúde, a fábrica do futuro, a loxística internacional e o coche conectado.
O noso sector xera máis de 15.000 empregos estables e de alta cualificación en Galicia e o prognóstico de crecemento está xerando a falta de determinados perfís profesionais. Unha situación que intentamos paliar con formación propia e colaboracións con centros de formación regrada.
A estratexia institucional o motor da transformación económica galega
O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Axencia Galega de Innovación (GAIN); a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego da Saúde da Xunta de Galicia (SERGAS); e a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) presentaron as estratexias que se están desenvolvendo desde os seus respectivos departamentos para a transformación de Galicia na economía dixital. Os programas de internacionalización; a Axenda para a Competitividade Industrial (Industria 4.0); a Axenda Dixital de Galicia; o programa TransformaTIC e a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) permiten, xunto a distintas liñas de apoio á I+D e a internacionalización, potenciar a competitividade, a innovación e a industria TIC galega.
O proxecto Coruña Smart City levanta pasión entre os invitados internacionais
A presentación do pioneiro proxecto de cidade intelixente ‘Coruña Smart City’ finalizou cunha demostración real dos datos que nese mesmo momento se estaban recollendo da cidade. A situación do sistema de rego, o consumo enerxético, o transporte urbano ou a información de ocio e turismo, foron pequenas mostras de esta innovadora iniciativa galega coa que se conseguirá unha cidade líder en benestar e calidade de vida, con máis e mellores oportunidades para o seu desenvolvemento económico e sustentable.
Os invitados internacionais demostraron o seu interese por coñecer a arquitectura que sustenta o proxecto e acceder á plataforma usada para o tratamento da información recollida na cidade. Unha petición unánime por parte dos invitados.
O potencial investigador de Galicia fonte de futuro empresarial
Os organismos de I+D+i TIC, o Centro de investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación – Universidade de Vigo (AtlantTIC); a Fundación Pública Galega Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA); o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións – Universidade de A Coruña (CITIC); o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información – Universidade de Santiago de Compostela (CiTiUS); e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (GRADIANT), mostraron as súas principais liñas de investigación, as colaboracións empresariais e os resultados obtidos nos mercados europeos. Os avances e innovacións conseguidas en materia de sanidade, automoción, intelixencia artificial, enxeñaría de datos, robótica, seguridade e sociedade dixital son fonte de transferencia para o sector empresarial galego e base fundamental para a creación e mellora competitiva de tecido industrial galego.
Latinoamérica ofrece un alto potencial de negocio para as TIC galegas
O proceso da transformación da economía que se está desenvolvendo desde os gobernos de América Latina está promovendo e xerando oportunidades para as tecnoloxías da información e da comunicación. O crecemento do sector do software e TI foi dun 177% e estímase que Colombia liderará esta tendencia alcista. A compra de alta tecnoloxía por parte do goberno, o incremento do consumo entre a cidadanía e a alta poboación existente xeran múltiples oportunidades de negocio. De especial mención as solucións industriais verticais en enerxía, saúde, enxeñaría e Smart cities.
Portugal un colaborador con metodoloxía innovadora para a potenciación TIC
Desde o TICE.PT introducíronnos nun novedoso método de promoción tecnolóxica, a involucración da “diáspora”. Reforzan a súa estratexia en materia de innovación coa atracción e compromiso do empresariado portugués asentado no estranxeiro. Unha fórmula que permite atraer e asentar nova empresa e ao tempo fortalecer e abrir portas para a internacionalización. O acordo de colaboración do Clúster TIC co TICE.PT permitirá ampliar a metodoloxía e a estratexia da “diáspora” e abrir novos proxectos no gran e competitivo mercado europeo.
Visita a distintas empresa tecnolóxicas galegas Ante o interese demostrado polos invitados, dedicouse todo un día a visitar a distintas empresas tecnolóxicas galegas para que puideran ver, de primeira man, o funcionamento interno e as demostracións de proxectos incipientes que sairán ao mercado nos próximos meses e que serán de referencia nos ámbitos de sanidade, coche conectado, turismo, cidades intelixentes (Smart Cities) e o futuro da TV.
Resultados inmediatos da II Misión Comercial Inversa
Froito destas presentacións xa xurdiron os primeiros pasos para conseguir reforzar os vínculos empresariais entre Galicia, Colombia e Ecuador, así como o plantexamento de colaboracións máis estreitas entre as entidades intermedias de Galicia e Colombia. As empresas xa están con reunións virtuais bilaterais e a negociación vai por bo camiño. O éxito da Misión queda patente e manifesta o alto potencial das nosas empresas para abrir negocio e exportar TIC a Latinoamérica e a Portugal.
Participantes locais na Misión
Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).- Principal organismo de apoio á internacionalización das empresas, responsable da política de clústeres en Galicia e coordinador da Axenda para a Competitividade Industrial de Galicia – Industria 4.0 Organismos I+D+i TIC en Galicia.- Centro de investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación – Universidade de Vigo (AtlantTIC), Fundación Pública Galega Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA), Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións – Universidade de A Coruña (CITIC), Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información – Universidade de Santiago de Compostela (CiTiUS) e Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (GRADIANT).
Axencia Galega de Innovación (GAIN).- Responsable dos programas de apoio á I+D e da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) para Galicia. Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde da Xunta de Galicia (SERGAS).- Principal impulsor de dous grandes proxectos de innovación con forte compoñente TIC no ámbito sanitario, InnovaSaúde e Hospital 2050
Coruña Smart City.- Proxecto pioneiro en Galicia para as cidades intelixentes
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).- Encargada das políticas TIC da Administración Pública mediante o programa TransformaTIC e a Axenda Dixital de Galicia
Participantes Internacionais na Misión
Cluster TIC de Medellín.- Organismo que aglutina as entidades TIC das zonas de Medellín e Antioquía en Colombia
Ruta N –Medellinnovation.- Centro de Innovación e Negocios creado pola Alcaldía de Medellín, UNE y EPM FEDESOFT.- Federación Colombiana de Industrias do Software e Tecnoloxías da Información
FEDESOFT – VERTICAL DE LA SALUD.- Representante específico da vertical de saúde de FEDESOFT
TICE.PT.- Organismo que agrupa as entidades TIC, públicas e privadas, de todo Portugal
Globalmedia Telecomunicaciones.- Operador colombiano de telecomunicacións
Heinsohn.- Empresa colombiana especializada no desenvolvemento e implementación de software empresarial
Internexa.- Provedor colombiano de redes e servizos de telecomunicacións
PuntoFácil.- Empresa colombiana de distribución de recargas
Ubiquo Telemedicina.- Desenvolvemento de proxectos TIC no ámbito sanitario (Colombia)
Teleamazonas.- Operador de telecomunicacións en Ecuador
A posta en marcha desta Misión Inversa alíñase coa política de clústeres que se impulsa desde a Unión Europea e responde a unha das prioridades do sector TIC galego, como é a necesidade de sumar forzas entre empresas e entidades para desenvolver plataformas de acceso aos mercados onde hai importantes oportunidades de crecemento, como son neste caso os mercados latinoamericanos. A iniciativa conta coa cofinanciación do IGAPE e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través da liña de axudas aos organismos intermedios para a realización de actuacións e estratexias de promoción e internacionalización das empresas galegas.
En medios:
El Correo Gallego | El Clúster TIC Galicia abre nuevas oportunidades de negocio en Latinoamérica
Código Cero | A segunda Misión do Clúster TIC asenta os alicerces de novos pactos de colaboración con Colombia, Ecuador e Portugal
None
None
None
None
Comentarios