Sara Chao, CEO de CertyChain: "Participamos en Node Hub porque nos parecía unha gran oportunidade para facer crecer o noso proxecto"

Silvia Camesella,

Sara Chao, CEO de CertyChain: "Participamos en Node Hub porque nos parecía unha gran oportunidade para facer crecer o noso proxecto"


A idea de CertyChain, o proxecto que recibiu o primeiro premio do programa de incubación Node Hub, promovido por Incibe Emprende e o Clúster TIC Galicia, xurdiu da experiencia dun amigo: "Modificaron o seu contrato de traballo despois de que o asinase en papel", sinala Sara Chao, CEO da empresa. Este foi o punto de partida para que catro amigos, estudantes de Enxeñería Informática, puxésense ao choio.

"Estivemos a investigar que solucións existían no mercado e que tecnoloxías ou melloras podiamos achegar nós", comenta Sara Chao. Así xurdiu CertyChain, unha firma dixital, baseada na tecnoloxía blockchain, que busca resolver dúas cuestións que se dan actualmente: a posibilidade de falsificar unha firma e o risco de suplantación de identidade.

"O primeiro problema solucionámolo co desenvolvemento dun algoritmo que permite ao usuario subir un documento asinado dixitalmente a través da aplicación e comprobar se o contido foi alterado", explica Chao. O segundo, resolvérono integrando un KYC, unha tecnoloxía que utilizan os bancos cando se crean contas en liña a través do móbil para comprobar que se trata dunha persoa física e que os datos achegados son reais.

Enfocar a validación do produto

Node Hub permitiulles enfocar a validación do produto e o contacto con posibles clientes, ademais de sintetizar o PMV para que realmente sexa un produto mínimo viable. "Decidimos participar no programa porque nos parecía unha gran oportunidade para facer crecer e evolucionar o proxecto, pero tamén para nós como profesionais", confesa Sara Chao.

Tras cinco meses de mentorías e diversas experiencias que lles permitiron definir a súa proposta, facer networking e organizar diferentes necesidades, no Demo Day, CertyChain recibiu o primeiro premio ao mellor proxecto da aceleradora. "É a recompensa a todo o traballo e esforzo que levamos feito ao longo do programa, pero tamén é un indicativo de que imos polo camiño correcto e de que seguimos avanzando", sostén.

Actualmente están a desenvolver o PMV de CertyChain e os seus próximos pasos céntranse en captar os primeiros clientes, asesorías e axencias inmobiliarias preferentemente, en buscar financiamento e lograr a maior difusión posible do proxecto. O obxectivo é que CertyChain salga ao mercado en 2025, crear unha empresa coa que comercializar o produto e, posteriormente, ofrecelo como unha API que as compañías poidan incluír dentro do seu software de xestión.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies