Os representantes de Grandes Empresas do Comité de Dirección do Clúster TIC Galicia Alberto Borrego Díez, director de NTT DATA Galicia - Asturias, Jose Ángel Veiga, director de SATEC, e Alfredo Castro, CEO de Sg Tech, valoran o futuro Plan Director da Industria das TIC, que está a elaborar a entidade, en colaboración coa Consellería de Economía e Industria da Xunta.
Os tres líderes, vinculados a empresas internacionais con sede en Galicia, coinciden en destacar a importancia deste texto, que marcará a folla de ruta do sector tecnolóxico galego ata 2030. Alberto Borrego avoga por que este documento favoreza a integración de políticas industriais TIC coa promoción do talento, a investigación e o emprendemento; Jose Ángel Veiga espera que sexa un instrumento dinámico e transversal que implique aos diferentes departamentos da Xunta para incrementar o peso do sector TIC na comunidade; e Alfredo Castro considera que contribuirá a unir a fortalecer o sector a través dun instrumento común.
Valoración xeral
Alberto Borrego, director de NTT Data, sinala que constitúe un fito moi importante para conseguir que o sector TIC de Galicia se converta nun tractor económico do territorio: "Trátase de promover un cambio cultural que permita ás empresas deste ámbito que operan na comunidade ir máis aló da provisión de servizos tecnolóxicos. O Plan Director da Industria TIC debe incentivar a creación dun ecosistema atractivo e recoñecido internacionalmente, para impulsar o investimento no desenvolvemento e transferencia de solucións tecnolóxicas. Neste sentido, será fundamental a integración das políticas industriais TIC con aquelas orientadas a promover o talento, a investigación e o emprendemento".
O director de SATEC, Jose Ángel Veiga, pola súa banda, afirma que, como instrumento público, confía en que contribúa a identificar e articular políticas públicas transversais, que impliquen á maioría dos departamentos e organismos dependentes da Xunta de Galicia. "Isto aumentará o peso do sector TIC en Galicia, o seu crecemento, o avance en materia de investimento e a creación de emprego", considera.
Tamén considera importante a identificación e articulación de medidas específicas, os indicadores de medición e impacto adecuados, así como os mecanismos de seguimento que permitan avaliar e actualizar o plan, dado o carácter cambiante da contorna tecnolóxica, singularmente acelerado nos últimos anos.
O CEO de Sg Tech, Alfredo Castro, considera que "achegará a activación dunha serie de accións, encamiñadas a establecer unha estratexia común para todo o sector, que permita adoptar tanto novas estratexias para chegar ao mercado, como a definición de novos produtos/servizos que enriquezan a demanda dos clientes tanto do sector privado como das Administracións Públicas".
Ámbito corporativo
José Ángel Veiga confía en que as medidas postas en marcha a través do Plan Director da Industria das TIC sexan de interese e utilidade para SATEC, de forma que "xeren crecemento e permitan diversificar o centro de produción de servizos de Galicia, o más importante do grupo multinacional -de capital 100% español-, favorecendo as decisións de investimento da empresa no territorio".
Alfredo Castro espera que o documento axude a Sg Tech a abordar con maior certeza, unha modificación do seu portfolio cunha orientación clara a cliente e negocio. "Nestes momentos, as compañías do noso tamaño somos incapaces de seguir o impulso constante da tecnoloxía, con todo o que conleva (actualización de coñecemento do equipo, variación da nosa oferta acorde ás esixencias de mercado, etc.). É imprescindible que teñamos o foco e a especialización aliñada coa demanda", declara.
Pola súa parte, Alberto Borrego considera que o Plan Director favorecerá que NTT DATA invista e localice en Galicia o desenvolvemento de proxectos baseados en tecnoloxías avanzadas que poidan comercializarse en calquera lugar do mundo. "Creo que permitirá a creación de produtos e solucións por parte doutros axentes do ecosistema tecnolóxico galego, que poderán incorporarse á oferta de valor global da miña empresa", sostén.
Como terá cambiado o sector?
O CEO de Sg Tech considera "difícil" facer unha previsión de como terá cambiado o sector tecnolóxico galego despois de terse desenvolvido o Plan Director da Industria das TIC en 2030. Non obstante, declara: "É moi previsible que as empresas teñan o seu portfolio máis orientado á demanda, poidan investir en tecnoloxías acorde ao seu plan de acción e, sobre todo, teñan máis claro de en que e cando deben facer investimentos antes de que se active a demanda".
No caso de Alberto Borrego, estima que o Plan Director "permitirá ao sector tecnolóxico de Galicia avanzar en madurez, incentivando a creación de novos produtos e solucións cunha visión máis global", ademais de facilitar a súa incorporación aos mercados internacionais, contribuíndo á constitución en Galicia dun polo tecnolóxico de referencia.
Para acadar estes obxectivos, o director de NTT Data coida que é moi importante "ter en conta as diferentes visións e intereses de todos os axentes do ecosistema, así como as necesidades dos sectores económicos", especialmente daqueles máis ligados ao desenvolvemento económico e social de Galicia.
O director de Satec agarda que con esta folla de ruta "os potenciais clientes e mercados identifiquen e recoñezan ao sector TIC en Galicia pola súa competitividade e capacidade de resposta aos retos aos que se enfrontarán os cidadáns, as empresas e as administracións neste ámbito". Así mesmo, espera que o sector se amplíe, estea máis cohesionado, gañe en capacidade de emprendemento e asunción de riscos e sexa capaz de desenvolver ou propoñer grandes proxectos colaborativos.
Cookies settings
We collect and process your personal information for the following purposes: Analytics, Security & Marketing.
Comments