Os vogais do Comité de Dirección do Clúster TIC Galicia Alfredo Ramos, director de R e MASORANGE en Galicia, Mónica Seoane, socia e directora de negocio de DataSpartan, e Jesús Lage, CEO de Bimbio, comparten unha visión optimista e ambiciosa do Plan Director da Industria das TIC. Consideran que é unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento do sector tecnolóxico galego, que contribuirá a situalo como motor de crecemento económico, innovación e transformación dixital.
Coidan que mellorará o posicionamento de Galicia no ámbito TIC global, ademais de potenciar a colaboración público-privada, fomentar a creación de emprego cualificado e xerar novas oportunidades de negocio. Coinciden tamén en que, unha vez executado, o sector tecnolóxico galego sairá reforzado, será máis competitivo e terá maior capacidade de impacto na economía da comunidade.
Expectativas xerais
O director de R e MASORANGE en Galicia, Alfredo Ramos, destaca que o Plan “debe proporcionar unha visión estratéxica, coordinación e impulso ao ecosistema TIC galego”, consolidando o sector como motor de crecemento económico e transformación dixital.
Ramos tamén sinala que é fundamental que este documento sirva como ferramenta clave para “aliñar esforzos en formación, investimento e innovación”, abordando os desafíos actuais e potenciar a presenza de Galicia no ámbito tecnolóxico nacional e internacional.
Por outro lado, a socia e directora de negocio de DataSpartan, Mónica Seoane, enfatiza que o Plan Director debe ser unha folla de ruta que “inclúa medidas e medios específicos para fortalecer o sector, promovendo a innovación, o investimento, o talento e a creación de emprego en Galicia”. Espera, ademais, que permita aumentar o recoñecemento da industria das TIC galega a nivel global.
O CEO de Bimbio, Jesús Lage, pola súa banda, subliña que debería ser unha declaración de intencións clara e ambiciosa do Goberno galego para “situar ao sector TIC como un dos ámbitos estratéxicos do futuro” na nosa comunidade, incrementando o peso da industria tecnolóxica no PIB, no emprego e investimento en I+D. Para acadar este o obxectivo, sinala, “é imprescindible captar e reter talento, atraer investimento e crear as condicións necesarias para consolidar un sector tecnolóxico forte e competitivo en Galicia”.
Impacto nas empresas
En canto á influencia que o Plan Director pode ter nas compañías do sector, os expertos coinciden en que se abrirán novas oportunidades e melloras no contexto empresarial galego. En concreto, Mónica Seoane, agarda a creación dun ecosistema que favoreza a innovación e a creación de emprego, o que permitirá o desenvolvemento de novos produtos e servizos, máis orientados ás necesidades do mercado.
Jesús Lage tamén confía en que a execución desta estratexia “abra novas oportunidades de financiamento, formación e cooperación”, aspectos fundamentais para o crecemento das empresas TIC, a mellora dos seus servizos e o acceso a novos mercados”. Lage engade que o Plan contribuirá á modernización tecnolóxica e ao aumento da competitividade das empresas, factores imprescindibles para o desenvolvemento sostible do sector.
Alfredo Ramos, pola súa banda, considera que pode favorecer a actividade empresarial ao crear un ecosistema máis dinámico, dixitalizado e colaborativo. No caso de R e MasOrange, Ramos ve “unha oportunidade de seguir achegando a mellor tecnoloxía ás persoas e empresas, nun ecosistema máis preparado, con maior acceso ao talento e cun apoio institucional estable”. Ademais, sinala que o Plan pode abrir novas oportunidades de negocio ao impulsar a transformación de sectores tractores e promover a vertebración territorial, consolidando redes de valor locais con proxección internacional.
Transformación en 2028
Sobre como mudará o sector unha vez concluído o Plan Director en 2028, o CEO de Bimbio agarda que “se converta nun modelo a seguir a nivel nacional e internacional”, cun tecido empresarial con maior capacidade de innovación e integración na economía galega. Lage subliña que a colaboración público-privada, xunto coa aposta polo talento local, debería traducirse nunha “maior sustentabilidade e estabilidade a longo prazo”.
Alfredo Ramos prevé un sector “máis vertebrado”, con máis empresas innovadoras, mellor conectadas co ámbito educativo e universitario e cunha presenza relevante nos mercados globais. A súa visión é que o sector se converterá nun “motor imprescindible da Galicia do futuro”.
Mónica Seoane comparte a visión dos seus compañeiros, sinalando que este documento debería dar lugar a “un sector fortalecido, máis maduro, competitivo e con maior colaboración entre as empresas” para dar solución aos retos cada vez máis desafiantes do mercado. Isto permitiralle consolidarse como un dos catalizadores económicos na comunidade acadando recoñecemento internacional grazas ao seu “talento, competitividade e capacidade”.
¡Ola! ¿Poderíamos habilitar algúns servizos adicionais para Analytics, Security & Marketing? Sempre poderá cambiar ou retirar o séu consentimento máis tarde.
Comentarios