Un total de 13 profesionais de 9 empresas socias impartirán diferentes charlas en 15 centros educativos nas provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo
Os relatorios están dirixidos ao alumnado de 3º e 4º da ESO co fin de promover a presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados, como o TIC
O Clúster TIC Galicia participa unha edición máis no programa 'Que non te líen, ti elixes' desenvolvido polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta. O obxectivo desta iniciativa é aumentar a presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados como o TIC, contribuíndo a unha sociedade máis xusta e equitativa.
Para isto, un total de 13 mulleres profesionais de nove empresas socias se desprazarán durante o mes de novembro a distintos centros educativos da Coruña, Pontevedra e Lugo para ofrecer charlas didácticas e promover debates entre o alumnado de 3º e 4º da ESO, impulsando unha elección profesional libre de prexuízos de xénero.
Trátase de mulleres referentes de éxito no ámbito das Tecnoloxías da Información, onde a presenza feminina é máis reducida, de forma que poidan servir de exemplo ás novas xeracións:
Dulce Mª González, IoT Team Leader en Cinfo.
Lucía Martínez, backend developer en Cinfo.
María Xosé Saborido, coordinadora del Departamento de Soporte Técnico de Dinahosting.
Natalia García, senior B2B presales & implementation specialist en R.
Yudani Riobó, head of Innovation en Quobis.
Tamara Cutrín, responsable de Personas y Cultura en Teimas.
Jessica Penela, senior developer .NET Core & React en Aldaba.
Irene González, team leader en NTT DATA.
Miriam Breijo, project manager en NTT DATA.
Jennifer Dubra, senior technical lead en NTT DATA.
Lluvia Mª Montero, técnica de Recursos Humanos y responsable de Igualdad y Diversidad en Grupo Femxa.
Sandra Ameijeiras, directora del área TI en Dos Espacios.
Ademais, dende o ano pasado o programa tamén inclúe contidos relacionados coa presenza de homes en empregos considerados tradicionalmente feminizados, co obxectivo de rachar cos prexuízos ou estereotipos de xénero, tanto masculino como feminino, nas diferentes ocupacións.
Compromiso sostido
Esta é a sétima edición de 'Que non te líen, ti elixes' na que participa o Clúster TIC Galicia, reforzando o seu apoio a unha iniciativa que nesta convocatoria chegará a un centenar de centros de educación secundaria de toda a Comunidade.
A través de accións como esta, a entidade continúa achegando a realidade do sector tecnolóxico ás aulas, dando visibilidade a referentes femininos e contribuíndo a que cada estudante poida decidir o seu futuro profesional libre de estereotipos de xénero.
Comentarios