O Clúster TIC Galicia busca oportunidades de negocio no continente americano

Silvia Camesella,

O Clúster TIC Galicia busca oportunidades de negocio no continente americano


  • Nove empresas socias participan nunha misión comercial a  Florida, organizada polo ICEX, Red.es e a Cámara de Comercio da Coruña
  • Formarán parte do Pavillón de España en eMerge Americas  de Miami, unha das citas máis importantes do emprendemento tecnolóxico de  Estados Unidos

Unha delegación de nove empresas do Clúster TIC Galicia participa na misión comercial a Florida, organizada polo ICEX España Exportación e Investimentos, Red.es e a Cámara de Comercio da Coruña, co obxectivo de explorar oportunidades de negocio no continente americano.

Quobis, Councilbox, APDTIC, Bimbio, Dos Espacios, Librebit, Hacce, Beditas e Coinscrap Finance desembarcaron en Miami para asistir a eMerge Americas, unha das citas de referencia do emprendemento tecnolóxico de Estados Unidos, que se celebra o 27 e 28 de marzo. Este evento busca conectar startups e empresas con investidores e socios internacionais, e nesta edición poñerá o foco en temáticas como a ciberseguridade, intelixencia artificial, computación cuántica, fintech ou e-Health.

“Desde o Grupo de Traballo de Internacionalización do Clúster TIC Galicia identificamos unha serie de países clave para compañías do sector, e un deles é Estados Unidos. Neste sentido, Florida constitúe un punto de entrada idóneo para expandirse tanto a este país como a Latinoamérica”, sinala Iago Soto, cofundador de Quobis e un dos coordinadores do grupo, xunto a Agustín Tourón, fundador de Councilbox.

Este é o segundo ano consecutivo que o equipo coordina a comitiva galega xunto á Cámara de Comercio da Coruña, con catro empresas que repiten experiencia: Quobis, Councilbox, Librebit e APDTIC. A delegación ao completo formará parte do Pavillón de España que o ICEX e Red.es situarán en eMerge Americas, onde compartirán espazo con outras sesenta compañías procedentes de Madrid, Valencia e Castela-A Mancha.

Neste escenario manterán reunións individuais con diferentes axentes de interese do ecosistema tecnolóxico internacional. Pola súa banda, Coinscrap Finance participará, ademais, no emerxe Global Startup Accelerator + Showcase, onde 100 startups de todo o mundo competirán por un premio de investimento, programas de mentoring e oportunidades de networking.

No marco da feira, as asociadas tamén acudirán a eventos paralelos, como o encontro no Consulado Xeral de España, ou a xornada centrada no ecosistema emprendedor de Miami, que terá lugar hoxe no AI Center do Miami Dade College. Nesta convocatoria daranse cita representantes do Miami-Dade Beacon Council, unha organización crave para o crecemento e a expansión de empresas en Estados Unidos, fondos de capital risco e emprendedores, entre outros.

Ademais, desde o propio Grupo de Traballo do Clúster TIC organizan un evento especial, a Galicia IT party, unha xornada de networking ao redor da tecnoloxía e a innovación, que congregará ao colectivo galego empresarial de Miami.


Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies