Rafael Valcarce chama ás universidades e medios de comunicación a sumarse ao proxecto do Cluster TIC Galicia

Rafael Valcarce chama ás universidades e medios de comunicación a sumarse ao proxecto do Cluster TIC Galicia


Rafael Valcarce Baiget, presidente do Custer TIC Galicia, recolleu o pasado venres, 15 de outubro, en Santiago de Compostela, o Premio Iniciativa Empresarial na segunda edición da Noite da Enxeñería en Informática de Galicia, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG).


Rafael Valcarce (á esquerda) recolle a estatuiña e máis o diploma concedido ao Cluster TIC Galicia como mellor Iniciativa Empresarial, na II Noite da Enxeñería en Informática de Galicia. A súa dereita, Alfredo Ferreiro García, sales manager de HP, e Elicio Benito, director de Consultoría de Negocios de Atos Origin.





Nas súas palabras de agradecemento, Valcarce salientou que, a través das empresas, colexios profesionáis e asociacións empresariais que nel se integran, a representatividade do Cluster TIC Galicia abrangue o 98% do hipersector das tecnoloxías da información e das comunicacións na comunidade autónoma en termos de facturación, con máis de 16.000 empregos directos.

Indicou tamén que un dos obxectivos do Cluster TIC é “contribuir a acabar co minifundismo xenético do noso país e coa histórica economía de subsistencia de Galicia”, poñendo en marcha para iso fórmulas de diálogo e cooperación entre os diferentes actores do hipersector e co conxunto da sociedade civil. Neste sentido, Rafael Valcarce Baiget invitou a universidades, medios de comunicación, administracións públicas e “actores financeiros” a sumarse ao proxecto do Cluster TIC de facer de Galicia unha comunidade autónoma líder na implantación e uso das novas tecnoloxías, impulsando así un modelo económico baseado na innovación e a produtividade.

“Dos 21 clusters que hai en Galicia só catro teñen máis de cen membros, e un deles é o Cluster TIC. A pesar diso, o apoio que recibimos está por detrás doutros nove”, sinalou Valcarce, quen non obstante atribuiu esa situación á xuventude do Cluster TIC e manifestou a súa confianda en que o Cluster TIC sexa cada día máis valorado.

O presidente do Cluter TIC felicitou tamén ao CEPEIG por ter asumido a vicepresidencia do Consejo General de Colegios Oficiales de Ingeniería en Informática de España.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies