O Cluster TIC propón ao presidente da Xunta a posta en marcha dun gran pacto tecnolóxico-industrial

O Cluster TIC propón ao presidente da Xunta a posta en marcha dun gran pacto tecnolóxico-industrial



  • Valora positivamente a política de Telecomunicacións do Goberno galego e presenta unha serie de iniciativas para, mantendo a actual dirección, dar un importante salto adiante en modernización e competitividade.


Unha delegación do Cluster TIC Galicia encabezada polo seu presidente, Rafael Valcarce Baiget, reuniuse hoxe co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo. No encontro participou tamén a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, María del Mar Pereira.



No encontro, os responsables do Cluster TIC expuxeron ante o máximo responsable do Goberno da Comunidade Autónoma Galega a relevancia do sector das Tecnoloxías de Información e das Comunicacións no conxunto da economía de Galicia, destacando a alta capacidade das empresas e entidades deste sector para a innovación e a mellora da produtividade do conxunto do tecido produtivo do país.

O Cluster TIC Galicia valora positivamente a política en materia de TIC e Telecomunicacións impulsada pola Xunta de Galicia e pola súa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e presentou un conxunto de propostas que, mantendo a mesma dirección, permitirán dar un importante salto adiante.

Así, propuxo ao presidente da Xunta e á secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica a posta en marcha dun gran pacto tecnolóxico-industrial para Galicia. Trátase dun marco dentro do cal cada sector produtivo definirá un plan de demanda anticipada. Artellaranse por medio dun diálogo profundo entre as Administracións, os axentes sociais, os sectores empresariais, industriais e tecnolóxicos e o sistema educativo. O Cluster TIC Galicia liderará e coordinará o papel das empresas tecnolóxicas, facendo valer o carácter transversal das súas solucións para avanzar na modernización da industria galega e na mellora da súa competitividade.

Captación de inversión: 200 millóns en catro anos

Outra das propostas que o Cluster TIC presentou ao máximo responsable do Goberno de Galicia foi a posta en marcha dun plan de atracción de inversións nos sectores TIC. As empresas do Cluster comprométense a captar 200 millóns de euros de inversión en catro anos. Para iso, contarase cos fondos de capital risco e coas axencias públicas de promoción económica. Quérese deste xeito atraer start-ups e empresas do sector das enerxías limpas. Preténdese, asemade, que o fenómeno da deslocalización vire o seu sentido e teña unha repercusión positiva na creación de postos de traballo na Comunidade Autónoma.

Finalmente, o Cluster TIC presentou o seu plan para impulsar un cambio de mentalidade en todos os ámbitos da sociedade galega, de cara a impulsar a demanda anticipada das novas tecnoloxías, considerando a este sector como clave para o desenvolvemento do país.

Na reunión participaron, por parte do Cluster TIC Galicia, Rafael Valcarce Baiget, presidente; Antonio Rodríguez del Corral, vicepresidente; Jorge Cebreiros Arce, secretario, e Ricardo Fernández Fernández, tesoureiro.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies