Con motivo da celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a Fundación Galicia Europa acolleu a presentación do proxecto galego O Camiño dos Satélites, posto en marcha pola Fundación Tecnoloxía Social (FTS) en colaboración coa Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías de Información e Comunicación (AGESTIC)
Os encargados da presentación desta idea foron Enrique Varela Couceiro, presidente da FTS, e José María López Bourio, presidente de AGESTIC, que son á súa vez os impulsores desta iniciativa. O Camiño dos Satélites emprega a tecnoloxía para facer do Camiño de Santiago unha experiencia accesible para todo o mundo, especialmente para aquelas persoas con maior risco de exclusión tecnolóxica, como as persoas maiores, con diversidade funcional ou necesidades fóra do común.
Ao acto acudiron representantes das rexións europeas, con sede en Bruxelas, polas que transcorre o Camiño, así como dos diferentes sectores relacionados coas TIC e a cultura. López Bourio destacou que as empresas galegas de tecnoloxía se atopan nun “momento decisivo” e que é fundamental que esa tecnoloxía estea ao “servizo de todos os cidadáns por igual”, xa que en España hai máis de catro millóns de persoas con algún tipo de necesidade específica e en Europa cerca de 50 millóns.
Pola súa banda, Enrique Varela, destacou que o fin desta iniciativa é que “a xente que supostamente ten máis problemas para acceder ás novas tecnoloxías, coma as persoas maiores ou con discapacidade, podan ter unha vida máis sinxela”. Con ese obxectivo é como naceu o proxecto de O Camiño dos Satélites, xa que, como sinalou Varela, “serviu para demostrar á poboación e ás autoridades como a tecnoloxía ben aplicada pode facer as cousas máis sinxelas aos cidadáns”. Por último, o presidente da FTS, explicou que a tecnoloxía estivo presente no Camiño de Santiago a través dun dispositivo que agrupa GPS, mp3, radio e audioguía, así como mediante as aplicacións do Iphone, do portal web e das redes sociais.
Con motivo deste Día, a Dirección Xeral para o Emprego, Política Social e Igualdade de Oportunidades da Comisión Europea invitou aos representantes deste proxecto á European Commision Policy Conference. European Day of People with Disabilities Conference que se organizou en Bruxelas o 2 e 3 de decembro. Neste encontro, tanto Enrique Varela como José María López Bourio, puideron establecer diferentes contactos con persoas interesadas en O Camino dos Satélites para futuras colaboracións.
A iniciativa O Camiño dos Satélites
A iniciativa O Camiño de los Satélites, as Tecnoloxías fannos iguais quedou finalista na categoría de "Mellor proxecto para a inclusión dixital" da edición 2010 do Foro Internacional de Contidos Dixitais (FICOD).
Durante o ano 2010, distintas personalidades do mundo do deporte e da cultura como o ciclista Miguel Induráin, a atleta Purificación Santamarta e cantante Serafín Zubiri se sumaron a este proxecto.
Fonte: Agestic
Ler máis
Comentarios