É unha das máis de 30 compañías españolas que prestará apoio e soporte técnico especializado a destinos turísticos, administracións e empresas privadas
A compañía Dos Espacios, especializada no sector TurisTech, foi seleccionada por Telefónica como unha das máis de 30 empresas que forman parte da súa Hub de Innovación Turística (HIT), a través do que prestará apoio e soporte técnico experto a Destinos Turísticos Intelixentes, administracións públicas e empresas deste sector.
Dos Espacios asinou onte o acordo de colaboración mediante o que pasa a formar parte deste Hub, xunto con outras empresas e institucións españolas expertas no negocio turístico, a personalización da experiencia do viaxeiro, a transformación do espazo turístico, a dixitalización, as plataformas intelixentes que integran datos, o desenvolvemento de software sectorial, o Big Data e as solucións IoT e de sensorización.
Santiago Paz Noya, CEO de Dos Espacios, sinalou “é un privilexio achegar a este Hub o talento, a implicación e a experiencia do noso equipo, así como as innovadoras tecnoloxías que estamos a desenvolver” e destacou que “España é o mellor banco mundial para a dixitalización do sector turístico e este Hub é unha oportunidade para levala a cabo”.
O CEO de Dos Espacios abriu tamén un foro de reflexión sobre grandes retos da transformación do turismo, que se celebrou no marco do evento de creación do Hub.
O obxectivo do Hub de Telefónica é acelerar a dixitalización dos destinos turísticos, cooperando para ofrecer ao visitante unha experiencia personalizada en todas as fases da súa viaxe; xerar información de utilidade que se poida compartir a nivel nacional grazas á construción dun gran datalake con datos do sector e fomentar a colaboración e a innovación para lograr un turismo sostible.
Ademais de Dos Espacios, integran este novo Hub compañías como Amadeus, AnySolution, Bosonit, Capgemini, COTESA, Dinycon, Globaldit, Esri, Interactvty, Libelium, Mabrian, Salesforce, Sayme, Simpleview, SIRT, Sngular, Spherag, Travelgate ou Zitycard, entre outras.
A empresa
Con sede central en Vilagarcía de Arousa e delegacións en Santiago de Compostela e Madrid, Dos Espacios ten unha ampla experiencia na prestación de servizos especializados en consultoría turística e tecnoloxía aplicada a este sector: elaboración de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, diagnóstico e plan de acción en Destinos Turísticos Intelixentes (DTI), xestión do dato turístico e sistemas de predición, posta en valor de recursos turísticos (realidade aumentada, virtual e metaverso) promoción de destinos nacionais e internacionais, identificación de novas oportunidades de negocio, deseño, e creación e organización de produto turístico, entre outros eixos de actuación.
Comentarios