A startup galega Beditas estreouse en FITUR, a cita por excelencia do sector turístico en España, que reúne nesta 45º edición a 9.500 empresas, de 156 países diferentes.
Cun espazo expositivo (10B47) situado no pavillón 10 de IFEMA, a empresa de solucións tecnolóxicas para o sector turístico está a presentar as súas innovadoras propostas centradas en tres grandes segmentos de negocio: Hospitality (recepción e estancia autónoma para aloxamentos turísticos); Display (soporte tecnolóxico para facilitar o labor informativo, achegando unha organización máis eficiente nas oficinas de turismo); e Museum (xestión autónoma de museos e centros de interpretación).
Estrea oficial en SEGITTURLab
O CEO da startup, Alexandre Paz, e a directora da área de TI, Sandra Ameijeiras, presentaron en SEGITTURLab as características da nova solución Beditas Hospitality.
No seu relatorio explicaron ao público, formado por profesionais do sector turístico, como o software desenvolvido automatiza os procesos para xestionar a estancia de principio a fin, de forma intuitiva e accesible para clientes, profesionais do sector e dirección dos aloxamentos, ofrecendo unha recepción libre de barreiras mentres se mellora a eficiencia operativa e o rendemento do establecemento.
Esta solución ofrece unha estancia autónoma para os hóspedes, mellorando a súa experiencia e o servizo recibido grazas ás vantaxes que ofrecen: check in e check out en liña, integración co PMS (programa de xestión do aloxamento), apertura da habitación desde dispositivos móbiles ou reloxos intelixentes, escaneos de DNI e firma de documentos, verificación de identidade mediante selfie, envío da documentación á Policía, pago nun só clic desde o móbil, comunicación por parte do hóspede de posibles incidencias na habitación, tarxetas tockenizadas e diferentes métodos de pago, contratación de servizos de hotel e solicitudes de transporte (taxi, carsharing…).
Visita da ministra de Ciencia, Diana Morant
A caseta de Beditas en FITUR recibiu a visita da ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant, que se achegou durante o seu percorrido pola feira para interesarse polas solucións tecnolóxicas que ofrece Beditas para resolver as necesidades de establecementos hostaleiros, oficinas de turismo, destinos turísticos e entidades locais, museos ou centros de interpretación.
Coa súa participación en FITUR, Beditas reafirma o seu compromiso coa innovación no sector turístico. "Isto é só o comezo da nosa viaxe para transformar o turismo a través de solucións tecnolóxicas e innovadoras", sinalou Alexandre Paz, CEO da empresa.
Beditas continuará presentando as súas solucións durante a feira sectorial de Madrid, onde os asistentes poderán descubrir de primeira man as súas ferramentas e o seu enfoque innovador para o turismo do futuro.
Beditas
Beditas nace da man de Dos Espacios, empresa especializada no sector TurisTech, que conta cunha ampla experiencia na prestación de servizos en consultoría turística e tecnoloxía aplicada a este sector: elaboración de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD), diagnóstico e plan de acción en Destinos Turísticos Intelixentes (DTI), xestión do dato turístico e sistemas de predición, posta en valor de recursos turísticos (Realidade aumentada, Virtual e Metaverso) promoción de destinos nacionais e internacionais, identificación de novas oportunidades de negocio, deseño e creación e organización de produto turístico, entre outros eixos de actuación.
A compañía Dos Espacios, que conta con sede central en Vilagarcía de Arousa e delegacións en Santiago de Compostela e Madrid, forma parte do Hub de Innovación Turística (HIT) de Telefónica, a través do que presta apoio e soporte técnico experto a Destinos Turísticos Intelixentes, Administracións Públicas e empresas deste sector.
¡Ola! ¿Poderíamos habilitar algúns servizos adicionais para Analytics, Security & Marketing? Sempre poderá cambiar ou retirar o séu consentimento máis tarde.
Comentarios