Plexus Tech e a USC crean a primeira Cátedra de IA en Medicina Personalizada de Precisión

Silvia Camesella,

Plexus Tech e a USC crean a primeira Cátedra de IA en Medicina Personalizada de Precisión


  • USC e Plexus Tech, co respaldo da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, promoven esta iniciativa única en España na personalización dos procesos asistenciais

Da man de Plexus Tech e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), nace a Cátedra de Intelixencia Artificial en Medicina Personalizada de Precisión (CAME&IA). Esta iniciativa, única en España, optimizará a toma de decisións clínicas aplicando a IA á medicina personalizada.

A posta de longo da Cátedra tivo lugar no Paraninfo da USC, nun acto no que se destacou o obxectivo deste proxecto de xerar, no próximos catro anos, novo coñecemento a través do uso de tecnoloxías intelixentes e a explotación avanzada de datos médicos para mellorar a toma de decisións clínicas.

USC e a empresa tecnolóxica Plexus Tech camiñan da man na creación de CAME&IA, liderada polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) para “situar Galicia e España á vangarda da aplicación da Intelixencia Artificial no ámbito sanitario”, destacou no acto o reitor da USC.

Antonio López Díaz puxo en valor a colaboración público-privada, así como a conexión que no seo da Universidade técese entre a investigación científica, moi especialmente a que se está facendo no ámbito da Intelixencia Artificial, sumándolle as potencialidades da investigación biosanitaria. “A aplicación da IA ao campo da medicina permite xestionar unha inmensidade de datos sobre cada paciente para afinar os diagnósticos, os tratamentos e mellorar, en definitiva, a calidade de vida das persoas, algo que sería inimaxinable a través das vías tradicionais. Ese manexo de datos só é posible aplicando ferramentas de Intelixencia Artificial”, destacou o reitor.

A cátedra, financiada con 1,2 millóns de euros, conta co respaldo do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, cunha achega próxima aos 900.000 euros. Está creada no contexto da candidatura da USC ás axudas para a creación das Cátedras ENIA, convocadas pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, no marco da Axenda España Dixital 2025, e do Compoñente 16 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Tal e como destacou durante a sesión, a secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, María González Veracruz, esta cátedra reflicte “o papel fundamental que desempeña a investigación para construír un país mellor, que abrace a tecnoloxía cunha mirada humanista, centrada nas persoas e na defensa dos seus dereitos”. Ademais, defendeu o compromiso firme do Goberno de España coa universidade pública, a investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico "como piares dun país máis xusto, innovador e preparado para liderar o futuro dixital".

"A cátedra naceu coa convicción de que só desde unha perspectiva integradora e multidisciplinar pódese construír unha contorna de investigación que transforme o coñecemento en melloras tanxibles para a práctica clínica", afirmou Senén Varro, director científico do CiTIUS e responsable da cátedra. "Entendemos a tecnoloxía como unha gran ferramenta para mellorar o mundo, e a medicina é un campo onde os avances tecnolóxicos teñen un impacto directo na calidade de vida das persoas", subliñou, pola súa banda, José Manuel Viña Bravo, director xeral de Plexus Tech. O acto contou ademais coa conferencia do catedrático da USC, Ángel Carracedo.

Tempo récord

A aplicación da IA á medicina personalizada xa é unha realidade. A capacidade de analizar grandes volumes de datos en tempo récord permite diagnósticos máis rápidos e precisos, favorece a medicina preditiva e optimiza os tratamentos para cada paciente. Así, entre as liñas de investigación de CAME&IA destacan a aprendizaxe automática e modelos preditivos para a personalización de tratamentos, o procesamento de imaxes médicas e análises de sinais biomédicos, ou a integración de datos multimodales para mellorar diagnósticos e tratamentos.

O proxecto conta cun comité de garantes formado por referentes en investigación biosanitaria e tecnoloxía procedentes non só do CiTIUS -centro singular da USC que as persoas participantes na presentación visitaron ao finalizar o acto-, senón tamén do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA), Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. Ademais, colaborará co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e con diversos axentes públicos e privados do sector da saúde.

Máis aló da súa actividade investigadora, a cátedra desenvolverá unha ampla programación formativa, con especial énfase nos aspectos éticos e legais do uso da IA en medicina. A transferencia de coñecemento á sociedade e a colaboración con centros estatais e internacionais serán aspectos clave na súa folla de roteiro. Esta cátedra universidade-empresa representa unha aposta a longo prazo para a integración do coñecemento dos profesionais das TIC, a investigación en saúde e a medicina asistencial.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies