O tecido TIC galego amosa o seu potencial en IA

María Xosé Jamardo Curros,

O tecido TIC galego amosa o seu potencial en IA


  • Unha vintena de empresas socias presentaron os seus  proxectos tecnolóxicos no marco da convocatoria IA360 do Igape
  • As iniciativas buscan optimizar procesos, mellorar a toma  de decisións ou establecer modelos preditivos en sectores como a moda, a  alimentación ou a enerxía
  • As propostas están lideradas por oito compañías da Coruña,  sete de Santiago de Compostela e cinco de Vigo

O Clúster TIC Galicia celebrou hoxe a xornada “Proxectos IA360: Desenvolvemento Tecnolóxico e Innovación con IA” na Cidade das TIC da Coruña, que contou coa presenza de Patricia López, subdirectora de Innovación Empresarial do Igape, e na que se deron a coñecer vinte proxectos de empresas galegas, socias da entidade, baseados en intelixencia artificial e desenvolvidos ao abeiro da convocatoria IA360.

Trátase de solucións tecnolóxicas avanzadas, competitivas e con aplicación directa en ámbitos como a moda, a alimentación, a enerxía, a loxística, a ciberseguridade ou o sector agroalimentario. Estas propostas reflicten unha aposta clara pola intelixencia artificial como motor de mellora da produtividade, da eficiencia operativa e da calidade dos servizos, tanto en organismos públicos como privados.

Neste contexto, o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, destacou que “o programa IA360 demostra que as empresas galegas non só adoptan intelixencia artificial, senón que, cos apoios suficientes, teñen a capacidade e o talento precisos para desenvolver solucións reais que dean resposta a retos económicos, sociais ou corporativos”. 

Esta convocatoria, cofinanciada con fondos europeos NextGenerationEU, está a permitir acelerar o deseño e a chegada ao mercado de tecnoloxías estratéxicas. “Estas vinte iniciativas son un exemplo do enorme potencial das nosas compañías para competir a nivel global desde o territorio, xerando coñecemento, emprego cualificado e valor engadido”, sinalou del Corral.

Exemplos de innovación

Entre as solucións atópase MapForest, de Avansig, unha ferramenta de análise avanzada de datos xeoespaciais que aplica IA para a xestión forestal sostible, mellorando a toma de decisións e o impacto ambiental no territorio. Cinfo presentou tiivii toolbox, unha plataforma orientada ao impulso da produtividade e á automatización de tarefas mediante técnicas avanzadas de intelixencia artificial, aportando maior seguridade e eficacia que outros modelos do mercado.

Deicom Technologies deu a coñecer RedIA, un sistema de análise de datos e IA aplicado á supervisión de redes de baixa tensión, que permite anticipar incidencias e optimizar o funcionamento das infraestruturas eléctricas. Pola súa banda, Emetel desenvolveu CYBERA, un asistente virtual baseado en IA para a xestión do coñecemento no Centro de Operacións de Ciberseguridade, perfeccionando a resposta ante incidentes e a eficiencia dos equipos técnicos.

Galvintec presentou MOODULAR  IA, un módulo intelixente para optimizar os sistemas de picking en almacéns e centros de distribución, incrementando a precisión e reducindo tempos e custos loxísticos.

No ámbito da xestión da información, Ilux Visual Technologies amosou Mindforge, unha solución que vai máis alá do buscador intelixente tradicional, facilitando o acceso e xestión de recursos visuais en organizacións mediante a procura intelixente, o etiquetado automático e outras funcionalidades avanzadas.

Imatia Innovation desenvolveu IMPILOT, unha familia de copilotos de intelixencia artificial orientados á Administración Pública e aos servizos sociais, que facilitan o acceso da cidadanía á información pública e optimizan o traballo dos profesionais. Así mesmo, Imaxin presentou LYNX, unha nova xeración de chatbots RAG que permiten consultar contidos informativos e documentación pública dun xeito máis rápido, transparente e eficiente.

IN2AI apostou por unha solución centrada na seguridade e produtividade, combinando asistentes conversacionais con sistemas de monitorización da actividade para previr accesos non autorizados a datos sensibles. Plexus Tech deu a coñecer SORGIA, un sistema de axuda á toma de decisións complexas en contornas estáticas e dinámicas para minimizar custos e impulsar a eficiencia operativa en diferentes sectores.

Prefapp Cloud Consulting integrou un sistema conversacional baseado en modelos LLM e GitHub Copilot na súa plataforma firestartr.dev, alimentado co contexto e coas regras específicas de cada organización. Quobis presentou Smart Answer, unha solución que emprega un asistente virtual baseado en IA para responder chamadas entrantes de números descoñecidos, mellorando a eficiencia na atención ao usuario e reducindo a carga operativa en contornas onde se xestionan grandes volumes de consultas.

No ámbito da xeolocalización, Situm desenvolveu GAIA, un sistema de asistencia xeoespacial intelixente para optimizar operacións, mellorar experiencias e garantir a seguridade.

Sixtema mostrou LEVAD-360, unha solución de xestión empresarial que converte a información corporativa nun recurso estratéxico mediante técnicas de recuperación aumentada e intelixencia artificial. SREC Solutions presentou SINVAD, un estándar para o deseño de asistentes virtuais intelixentes interactivos, pensado para facilitar a súa implantación en diferentes sectores.

En materia de sustentabilidade, Tesla Technologies & Software desenvolveu INDICAGES, unha plataforma de IA para a xestión e certificación de indicadores de sustentabilidade, aliñada cos novos requirimentos normativos.

A colaboración entre Torusware e Vegalsa deu lugar a PROVIA, unha solución que optimiza, mediante IA, os procesos de provisión de servizos e produtos para a mellora operativa.

Torusware e Selmark uníronse para deseñar o “Plan Maestro Predictivo” (PMP), un sistema de planificación avanzada baseado en modelos preditivos que analiza a demanda, a popularidade dos produtos e a estacionalidade para optimizar a previsión da fábrica.

No sector agroalimentario, Triple Alpha presentou ALPHAchick, unha plataforma cloud que aplica intelixencia artificial á xestión integral e sostible de explotacións avícolas.

Visual Publinet, pola súa banda, deu a coñecer IA360 SEO Local, unha nova xeración de estratexias de posicionamento local baseadas en intelixencia artificial, orientadas a potenciar a visibilidade dixital dos negocios en directorios e buscadores.

pechou a xornada coa presentación da iniciativa AI4B, que suporá a instalación en Galicia dunha plataforma de intelixencia artificial orientada ao mercado B2B nacional, co obxectivo de ofrecer máis de 100 casos de uso de IA empresarial listos para implementar en sectores como o agroalimentario, industrial, cultural ou servizos, coa meta de multiplicar esta cifra por 10 en cinco anos.

Estes proxectos contribúen a posicionar Galicia no mapa da vangarda tecnolóxica e sitúan ao sector TIC como motor da innovación, reforzando o tecido empresarial galego. “A intelixencia artificial é unha realidade transversal na nosa economía, e estas solucións demostran que as empresas galegas están preparadas para liderar esta transformación desde aquí, con solucións útiles, éticas e sostibles”, subliñou del Corral.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies