O pasado mes de maio, o Clúster TIC Galicia puxo en marcha un proxecto piloto de FP Dual Multiempresa no IES Fernando Wirtz da Coruña, en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Unha iniciativa experimental, de dous anos de duración, que busca ofrecer formación técnica específica ao alumnado a través de diferentes master class na Cidade das TIC, o primeiro curso, e da súa incorporación a empresas tecnolóxicas e doutros sectores, o segundo curso, co obxectivo de achegarse a unha contorna profesional real.
Tras dous meses e medio de intensa capacitación práctica no Centro de Servizos Avanzados e baixo o paraugas do Clúster TIC Galicia, os 16 alumnos do ciclo de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma, concluíron os seus proxectos finais, culminando a primeira etapa desta innovadora iniciativa. Organizados por equipos, os estudantes desenvolveron unha plataforma de emprego para o propio Clúster, utilizando tecnoloxías como Spring Boot en Java para o backend, e Angular para o frontend, o que serviu como tema transversal para aplicar os coñecementos adquiridos.
Sesión de peche
A sesión de peche do primeiro curso do proxecto, celebrada o pasado 31 de xullo, contou coa presenza de Antonio Rodríguez Del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia, que impartiu unha charla inspiradora sobre o sector tecnolóxico na nosa comunidade. Aconsellou ao alumnado especializarse nas súas áreas de interese e buscar un camiño profesional a través das diversas empresas do ecosistema galego, dende startups ata compañías especializadas en ciberseguridade ou intelixencia artificial.
Tamén abordou o debate sobre o teletraballo fronte á modalidade híbrida, subliñando a importancia da presencialidade parcial para a aprendizaxe colaborativa e, sobre todo, destacou a imporancia da actitude. "As empresas necesitamos incorporar talento con competencias como a creatividade, o autoaprendizaxe constante, a colaboración ou a comunicación para comprender que necesita o cliente, expresar o estado dos proxectos e compartir información entre compañeiros, clientes e provedores", afirmou.
Balance moi satisfactorio e positivo
Millán Dasairas, project manager en Campus Dual TIC e formador do FP Dual Multiempresa, fai balance deste primeiro curso. “Foi altamente satisfactorio por dúas cuestións: polo enfoque práctico -centrado na elaboración dun proxecto transversal que simula as tarefas diarias dunha empresa-, no que o alumnado ía adquirindo os coñecementos de forma progresiva, e polo gran compromiso e colaboración en equipo dos estudantes, fundamental para o éxito deste tipo de iniciativas”.
Non obstante, o reto era considerable. “Partiamos dun nivel básico, con baixo ou nulo coñecemento de tecnoloxías web e sen coñecemento nin experiencia en frameworks de organización e desenvolvemento de proxectos. Porén, en dous meses, todos foron quen de sacar adiante unha plataforma completamente operativa”, afirma Dasairas.
Marian Gómez, titora do IES Fernando Wirtz da Coruña, sinala, pola súa banda, as vantaxes da FP Dual Multiempresa para o alumnado, como a experiencia laboral nunha contorna real, a posibilidade de contratación, a remuneración dende o primeiro momento ou o desenvolvemento de habilidades prácticas e sociais a nivel profesional. Non obstante, recoñece tamén que require un maior esforzo por parte dos estudantes.
O seu balance, ao igual que o de Dasairas, é moi positivo. “Gañan en experiencia e confianza”, declara, e destaca a alta incorporación laboral que rexistran neste tipo de ciclos duais: “Teñen máis dun 90% de inserción nas empresas”.
Ambos coinciden en que é preciso apostar por este tipo de formación práctica no ámbito das TIC. “A ensinanza regrada asenta unha base moi sólida, pero é insuficiente se non se combina con outras estratexias que facilitan a transición entre o ámbito académico e o profesional”, sinala Dasairas.
“Os responsables de proxecto ven con bos ollos cando un profesional sen experiencia entra o primeiro día a traballar e xa é capaz de colaborar co equipo. Isto é algo que non sucede ata que non o pos en práctica nunha contorna segura como a que ofrece este FP Dual Multiempresa, o que se traduce en que as empresas tecnolóxicas teñen que asumir esa curva de aprendizaxe, cos riscos que implica e retrasando o proceso de adaptación”, sostén.
Dasairas recoñece tamén as limitacións do propio sistema educativo, que “non é capaz de evolucionar ao mesmo ritmo que as empresas ou o ecosistema”. Por outra banda, indica, detectan unha carencia no traballo grupal. “O mundo tecnolóxico evoluciona rápido, pero ese salto hai que solventalo dalgunha maneira para reducir a fenda entre a contorna educativa e a profesional”.
A formación práctica, o que máis valora o alumnado
Silvia García, unha das alumnas do proxecto piloto de FP Dual Multiempresa, eloxia a distribución do tempo entre formación teórica e práctica, e a posibilidade de aplicar os coñecementos adquiridos nunha contorna de traballo real desde o primeiro curso.
A formación na Cidade das TIC, cunha metodoloxía innovadora baseada en máster class, e a simulación de proxectos, “permitiunos enfrontarnos a un desafío profesional, o que me axudou a desenvolver habilidades de xestión e a obter unha visión clara do sector”, asegura.
Outro estudante do ciclo, Víctor López, destaca a súa orientación totalmente práctica, enfocada na “resolución de problemas reais”. Ademais, asevera, as prácticas e as máster class achegáronlle coñecementos e ferramentas habituais na contorna laboral. “Isto dálle un valor inmediato aos coñecementos que obtemos e permítenos ver como se aplican no día a día”. E engade: “Tamén nos dá tranquilidade e confianza de cara ao futuro profesional”.
Pola súa parte, Martín Sánchez, compañeiro de Víctor e Silvia, valora positivamente que as prácticas sexan remuneradas, “xa que nos permite dedicar máis tempo ao estudo”.
Un modelo que reforza o ecosistema TIC
Macarena Mauricio, consultora de RRHH de Cinfo, unha das empresas ás que se incorporará parte do alumnado, afirma que o modelo de FP Dual Multiempresa é moi vantaxoso para colaborar na formación de talento cualificado. “Permítenos coñecer e avaliar ao alumnado en profundidade, avaliando non só as competencias técnicas, senón tamén a súa motivación e capacidade de adaptación, facilitando a súa incorporación e reducindo os tempos de integración”, comenta.
Ao igual que Dasairas, considera que é preciso apostar por este tipo de formación porque o sector TIC evoluciona rapidamente e os itinerarios formativos tradicionais non sempre poden actualizarse á mesma velocidade. Este tipo de formación dual permite que a capacitación do alumnado estea aliñada coas demandas reais do mercado. “É un modelo que claramente beneficia ambas partes, ademais de ser fundamental para o crecemento do sector tecnolóxico en Galicia", declara.
Luckia é outra das compañías que participa no proxecto, impartindo algunhas das máster class, e como captadora de estudantes en prácticas. O seu director de Produto e Tecnoloxía, Abel Álvarez, comparte a visión de Mauricio, destacando que este modelo permite coñecer directamente ás persoas en formación, observar como traballan e ver como se adaptan a novos retos. "É unha fórmula moito máis humana e eficaz que un proceso de selección convencional; temos máis garantías de que os alumnos veñen mellor preparados para o ámbito profesional", subliña.
Así mesmo, destaca que o seu compromiso con esta iniciativa é unha maneira de apoiar á mocidade e de reforzar o ecosistema TIC en Galicia e consolidar a Cidade das TIC como espazo de innovación e de captación de talento. “O sector tecnolóxico necesita profesionais capaces de adaptarse e innovar, e programas coma este permiten formar perfís con competencias actuais moi próximas ás necesidades reais das empresas”, sostén, e conclúe: “Apostar por esta formación é apostar polo futuro do noso sector e da nosa comunidade”.
Grandes perspectivas de futuro
Os alumnos que completaron este primeiro curso amosan grandes expectativas de futuro a nivel laboral. Silvia García busca consolidar coñecementos e incorporarse a unha empresa onde poida aplicar as súas habilidades, traballar en proxectos desafiantes e seguir aprendendo das tecnoloxías máis actuais.
Víctor López ten un obxectivo claro: quere aproveitar ao máximo a formación na empresa para demostrar o seu potencial. “A miña intención é que, ao rematar as prácticas, a compañía estea satisfeita co meu rendemento e decida contar comigo”. Gustaríalle, ademais, enfocar o seu futuro profesional á intelixencia artificial e ao big data. Martín Sánchez espera poder continuar na firma na que vai realizar as prácticas se as condicións o permiten.
As testemuñas dos diferentes actores deste proxecto piloto de FP Dual Multiempresa poñen de manifesto que se trata dun “éxito colectivo”, que impulsa a coherencia formativa e práctica entre o mundo académico e o profesional, preparando aos novos perfís para os desafíos dun sector TIC en constante evolución.
Comentarios