O Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, unha aposta estratéxica para o sector TIC

Silvia Camesella,

O Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, unha aposta estratéxica para o sector TIC


O Plan Galego de Investigación e Innovación 2025-2027, presentado pola Xunta o pasado mes de abril, postúlase como un ambicioso marco estratéxico para consolidar Galicia como un polo de referencia en investigación e innovación a nivel europeo e global, favorecendo a creación de novas tecnoloxías e a súa transferencia efectiva ao mercado.

Cun investimento de 1.310 millóns de euros, un 20% máis que o plan anterior, esta nova proposta, elaborada mediante un amplo proceso participativo, inclúe 165 actuacións articuladas a través de cinco programas verticais (Talento, Coñecemento, Innovación e emprendemento, Colaboración Estratéxica, Posicionamento), catro eixos estratéxicos transversais, denominados iniciativas de alto impacto (Biotecnoloxía, Tecnoloxías profundas, Tecnoloxías limpas e Innovación desde a demanda) e un eixo basee de simplificación administrativa para axilizar os procedementos, reducir os custos administrativos, fomentar a competitividade e mellorar a colaboración publico-privada.

Unha das súas principais novidades, é o seu enfoque en tecnoloxías profundas ou deep tech, que inclúen áreas como a intelixencia artificial e a computación cuántica. Neste sentido, Galicia posiciónase como un polo crave para o desenvolvemento destas tecnoloxías, especialmente grazas ao liderado do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), que xa opera co QMIO, o computador cuántico con máis cúbits de Europa, 32 en total.

Esta infraestrutura compleméntase con novos investimentos en tecnoloxías cuánticas, supercomputación e almacenamento, fortalecendo o posicionamento da rexión no ámbito tecnolóxico. Ademais, espérase que teñan un efecto multiplicador, xerando un impacto significativo no ecosistema de innovación galego.

A instalación de Qmio está apoiada pola Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, promovida pola Axencia GAIN, da que formamos parte xunto aos principais actores do ecosistema galego, incluídas universidades e centros tecnolóxicos, entre outros, para potenciar a investigación e o desenvolvemento en computación cuántica.

O plan tamén impulsa a intelixencia artificial (IA) como motor de innovación, ofrecendo axudas específicas para proxectos baseados nesta tecnoloxía, desde solucións innovadoras ata a súa integración en sectores produtivos, facilitando así a súa adopción no tecido empresarial galego.

Estas iniciativas están aliñadas coa Estratexia Galicia Dixital 2030, que se centra na dixitalización da economía, o fortalecemento do ecosistema dixital e a redución da fenda dixital, promovendo o uso de tecnoloxías avanzadas para consolidar a comunidade como unha rexión intelixente e referente en transformación dixital.

Neste contexto, o plan de I+D+i incentiva a creación de espazos de datos sectoriais que faciliten o intercambio eficiente de información e a colaboración e o desenvolvemento de solucións baseadas en big data e intelixencia artificial, favorecendo a colaboración entre empresas, centros de coñecemento e outros axentes crave do ecosistema dixital

Apoio ao emprendemento tecnolóxico

O Plan Galego de Investigación e Innovación tamén reforza o apoio ao emprendemento tecnolóxico, facilitando a creación e o crecemento de empresas de base tecnolóxica. As startups tecnolóxicas poderán beneficiarse de novas axudas, orientadas tanto ao financiamento como á conexión co tecido empresarial e os centros de investigación.

A través do modelo venture building, identificaranse proxectos con alto potencial para apoialos desde a súa fase inicial, acelerando o seu desenvolvemento e fomentando a súa consolidación no mercado.

Un marco estratéxico sólido

Este plan alíñase coa Estratexia Galega de Especialización Intelixente (RIS3) 2021-2027 e a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, asegurando a súa coherencia coas prioridades europeas en materia de I+D+i. Representa unha oportunidade única para o sector tecnolóxico, xa que proporciona recursos, infraestruturas e un marco normativo claro para o seu desenvolvemento. O seu enfoque en tecnoloxías profundas e transformación dixital garante, ademais, que Galicia posiciónese como un actor relevante no ecosistema tecnolóxico europeo.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies