O Clúster TIC Galicia colabora, unha edición máis, no programa “Que non te líen, ti elixes”, promovido pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta para fomentar vocacións STEM entre o alumnado de 3º e 4º da ESO dos centros educativos galegos.
A través desta iniciativa, trece mulleres referentes de empresas socias da entidade están a ofrecer charlas didácticas para convidar á reflexión e xerar debates relacionados coa fenda de xénero no ámbito das TIC. O obxectivo é favorecer unha orientación vocacional libre de estereotipos na elección de estudos superiores, poñendo o foco nos ciclos de formación profesional onde hai menor presenza feminina.
Dende o 7 ata o 13 de maio, o estudantado de doce centros de ensino das catro provincias galegas poderán coñecer as experiencias de: Jessica Penela, senior developer .NET Core & React en Aldaba, Rosa Vázquez, co-founder & CFO en Codee, Aida Pena, jefa de equipo en Bahía Software, Lucía Martínez, backend developer, e Raquel Fuentes, project manager en Cinfo, María Xosé Saborido, coordinadora del Departamento de Soporte Técnico de Dinahosting, Lluvia Montero, técnica de Recursos Humanos en Femxa, Alba Meijide, AI project manager en Ilux Visual Techonologies, Cristina Nogueira, xeneralista de Recursos Humanos en Inforhouse, Yudani Riobó, head of Innovation en Quobis, Natalia García, senior B2B presales & implementation specialist en R, Olalla, Rodríguez, da área de Desenvolvemento de Negocio de Sixtema, e Tamara Cutrín, responsable de Persoas e Cultura en Teimas.
Esta é a cuarta convocatoria na que participa o Clúster TIC Galicia, poñendo en valor o papel destas mulleres de éxito profesional como fonte de inspiración para estimular o espírito crítico na identificación de estereotipos sexistas asociados a determinadas profesións masculinizadas, contrastar as condicións laborais en diferentes ámbitos e sectores profesionais ou poñer en común datos sobre a representación feminina nos ciclos de FP e profesións masculinizadas.
Comentarios