O Clúster TIC Galicia celebrou hoxe un webinario para presentar quince proxectos de empresas socias baseados en intelixencia artificial (IA), beneficiarios da convocatoria IA360 do Igape, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea con fondos Next Generation EU.
Estas axudas buscan promover o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación mediante o uso da IA para facilitar a transformación dixital e a mellora da actividade económica e industrial de Galicia. Na presentación, o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, sinalou que esta convocatoria se dirixe ao desenvolvemento directo de produtos TIC, o que supón “un apoio fundamental para as empresas”. "O feito de que se presentasen multitude de propostas e se aumentase o orzamento inicial demostra que hai capacidade para propoñer investimentos e compañías con ideas de alto valor", subliñou.
Afirmou, ademais, que o Clúster TIC Galicia “asume a idea de traballar no desenvolvemento dunha plataforma que aglutine servizos de IA producidos en Galicia nun único espazo, de xeito que poidan chegar a todo o ecosistema e favorecer así a innovación a nivel global”.
Pola súa banda, Carlos Vaamonde, técnico de Innovación do Igape, destacou, pola súa banda, a positiva acollida de IA360, lembrando ese incremento do orzamento para poder atender o amplo volume de solicitudes recibidas. "A convocatoria aínda está aberta, polo que animamos ás empresas a presentarse", instou.
Propostas innovadoras
As compañías que acadaron a subvención da convocatoria IA360 e que presentaron as súas iniciativas no marco do webinario foron Cinfo, Ilux Visual Technologies, Imatia, In2AI, SREC Solutions e Torusware, con sede na Coruña; Imaxin Software, Prefapp, Situm, Sixtema e Tesla Technologies, con oficinas en Santiago de Compostela; e Deicom Technologies, Galvintec, Quobis e Visual Publinet, da área de Vigo.
As súas solucións, en distintas fases de desenvolvemento e con aplicacións no ámbito público e privado, van dende a automatización de procesos ata axentes conversacionais, pasando pola análise de datos de redes de baixa tensión ou a xestión de recursos visuais ou de información xeoespacial.
En concreto, Cinfo presentou TIIVII toolbox, unha proposta para a mellora competitiva e axuda a procesos corporativos. Ilux Visual Technologies deu a coñecer Mindforge, unha solución que optimiza a xestión de recursos visuais. Imatia mostrou o seu proxecto IMPILOT, centrado na creación de copilotos que contribúan a mellorar o acceso da cidadanía á información da Administración, ademais de optimizar o traballo dos profesionais de servizos sociais.
O proxecto de In2AI busca previr o acceso non autorizado de empregados a datos sensibles a través de asistentes conversacionais, así como monitorizar a súa actividade para avaliar o seu rendemento. SREC Solutions presentou SINVAD para sistematizar a estandarización de procesos industriais de maneira áxil e personalizada. Torusware, en colaboración con Vegalsa, expuxo PROVIA, cuxo obxectivo é optimizar o proceso de provisión de servizos ou produtos especializados en tenda mediante IA.
Imaxin falou sobre LYNX, o seu chatbot baseado en RAG que mellora o acceso a información de forma eficiente, reducindo a carga de traballo dos usuarios. Prefapp deu detalles sobre a integración de IA en firestartr.dev para a estandarización de procesos e fluxos de CI/CD en plataformas cloud, enfocado a empresas de desenvolvemento de software.
Situm profundizou en GAIA, unha plataforma que centraliza e estrutura a información xeoespacial en grandes edificios para optimizar operacións, mellorar experiencias e garantir a seguridade. Sixtema focalizouse en LEVAD-360, a súa solución de xestión de información que organiza e aproveita datos históricos para incrementar a eficiencia e a competitividade en diferentes organizacións. Pola súa banda, Tesla Technologies afondou en INDICAGES, unha plataforma de IA para a xestión e certificación de indicadores de sostibilidade.
Deicom Technologies amosou RedIA, que permite anticipar comportamentos irregulares na rede de baixa tensión, mellorando a eficiencia e garantindo a seguridade do suministro eléctrico. Galvintec deu a coñecer MOODULAR IA, que ten como finalidade optimizar sistemas de picking en almacéns e centros de distribución, aumentando a produtividade e diminuíndo os custos operativos.
Quobis presentou Smart Answer, unha solución de operador que responde chamadas entrantes de números descoñecidos cun asistente virtual baseado en IA. Por último, Visual Publinet explicou os obxectivos de IA360 SEO Local, unha plataforma para optimizar a visibilidade en buscadores a nivel local.
Comentarios