O Clúster TIC Galicia conclúe os obradoiros de innovación con novas oportunidades de colaboración e proxectos de IA

Silvia Camesella,

O Clúster TIC Galicia conclúe os obradoiros de innovación con novas oportunidades de colaboración e proxectos de IA


O Clúster TIC Galicia vén de concluír os dous itinerarios de innovación postos en marcha en maio, co apoio do Igape, para impulsar o desenvolvemento e a implantación de solucións baseadas en intelixencia artificial (IA), tanto en sectores produtivos estratéxicos (construción, economía circular e biotecnoloxía) como no ámbito da colaboración entre empresas TIC e organismos de I+D+i.

Ao longo das distintas sesións, os obradoiros permitiron transformar o interese crecente pola IA en oportunidades concretas de innovación, favorecendo a conexión entre capacidades tecnolóxicas e necesidades reais do tecido empresarial galego, así como identificar posibles proxectos colaborativos con potencial acceso a financiamento público.

IA aplicada a retos reais

O programa orientado á creación de solucións multisectoriais de IA para responder a necesidades específicas das empresas dos sectores da construción, a biotecnoloxía e a economía circular, en colaboración coa Fundación Galicia Constrúe, Bioga e Viratec, estruturouse en tres secuencias progresivas de sesións:

Na primeira presentáronse as capacidades e solucións tecnolóxicas, a segunda centrouse no traballo de contraste entre a oferta e a demanda mediante dinámicas de matching, e a terceira focalizouse na definición de preproxectos e na identificación de posibles vías de financiamento.

Durante as xornadas, as 37 empresas participantes puideron coñecer aplicacións reais de tecnoloxías como a IA xenerativa, o procesamento da linguaxe natural, a visión artificial, a automatización documental, a analítica avanzada de datos, os asistentes intelixentes ou os sistemas RAG. Este intercambio permitiu que as organizacións demandantes expresasen os seus retos en termos operativos e de negocio, mentres que as empresas TIC analizaron posibles enfoques tecnolóxicos para a súa resolución.

O resultado foi a xeración de 25 ideas de colaboración e a identificación de 14 posibles propostas de implantación de solucións de IA, superando amplamente os obxectivos inicialmente previstos. Ademais, detectáronse seis iniciativas potenciais, orientadas á participación en programas públicos de apoio á innovación.

A valoración da actividade por parte das entidades participantes foi especialmente positiva, acadando un nivel de satisfacción do 100 %, o que confirma o interese do tecido empresarial por este tipo de espazos de colaboración práctica e orientada a resultados.

Dez ámbitos de oportunidade

O segundo itinerario estivo centrado na colaboración entre empresas TIC galegas e centros tecnolóxicos e de investigación - atlanTTIC, CESGA, CITIC, CiTIUS, Gradiant e ITG-, co obxectivo de identificar ámbitos comúns de desenvolvemento de novas solucións baseadas en IA.

Nas distintas sesións participaron 41 representantes destes organismos galegos de referencia en investigación e innovación, así como 16 empresas tecnolóxicas con perfís diversos, que abarcan desde o software avanzado e as telecomunicacións ata a ciberseguridade, a simulación científica ou a dixitalización industrial.

A metodoloxía permitiu identificar e priorizar dez grandes áreas temáticas con potencial para o desenvolvemento de proxectos colaborativos. Entre elas, destacan a aplicación da IA e das comunicacións críticas ao ámbito aeronáutico e dos sistemas UAV, a IA asistencial para o sector sanitario, as tecnoloxías de voz en galego, a industria intelixente, a modernización da administración pública no ámbito xurídico-administrativo e para a anticipación de necesidades sociais e sociosanitarias, a mellora da empregabilidade, a xestión de emerxencias, os sistemas multimodais e multiaxente, así como a interoperabilidade dos datos administrativos e territoriais.

As reflexións realizadas durante a última sesión permitiron identificar tamén varios elementos clave para a evolución futura destes retos. No ámbito da aeronáutica, as entidades participantes coincidiron en que existe potencial de colaboración e algunhas empresas indicaron que xa iniciaron contactos posteriores á mesa para continuar traballando conxuntamente.

No ámbito da saúde, destacou o interese por modelos federados, datos sintéticos e sistemas de recomendación asistencial compatibles coa privacidade e a supervisión profesional. No caso das tecnoloxías da voz e da lingua galega subliñouse o potencial de encaixe en programas europeos vinculados á diversidade cultural e lingüística.

No ámbito industrial destacouse a necesidade de concretar estes retos para sectores específicos e definir casos de uso para facilitar a súa maduración como proxectos colaborativos.

Na mesa de administración pública varias entidades coincidiron en que os principais retos non son só tecnolóxicos senón tamén organizativos e culturais dentro da propia administración.

No caso da empregabilidade e orientación laboral, as empresas participantes coincidiron na necesidade de avanzar cara a modelos máis transparentes e auditables.

Respecto aos retos vinculados á xestión territorial e aos datos públicos, produciuse un debate relevante arredor da necesidade de estruturar mellor os datos administrativos e territoriais para facilitar a súa explotación mediante IA.

Neste sentido, púxose de manifesto a importancia de avanzar cara modelos de datos interoperables e estándares compartidos que permitan aproveitar de forma máis eficiente a información pública e territorial, unha cuestión considerada clave para o desenvolvemento de futuras solucións baseadas en IA.

Na mesa de linguaxe e modelos de IA houbo consenso na necesidade de avanzar cara a arquitecturas multimodais, multiaxente e máis eficientes computacionalmente.

Un ecosistema de innovación conectado arredor da IA

Estes programas de innovación permitiron reforzar o papel do Clúster TIC Galicia como punto de encontro entre empresas tecnolóxicas, sectores produtivos e organismos de investigación, favorecendo a transferencia de coñecemento e a creación de novas oportunidades de negocio.

Durante as sesións, varias entidades manifestaron o seu interese en continuar avanzando nas dinámicas iniciadas, xa sexa mediante grupos de traballo específicos, novas fórmulas de colaboración ou mediante propostas conxuntas para futuras convocatorias autonómicas, estatais e europeas.

Deste xeito, os obradoiros pechan unha primeira fase de identificación e conexión de oportunidades, pero abren tamén un novo escenario para a maduración de proxectos colaborativos que contribúan a acelerar a adopción da intelixencia artificial no tecido empresarial galego e a reforzar a competitividade do ecosistema tecnolóxico da comunidade.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies