Suma 148 organizacións, que facturan máis de 1,2 millóns de euros e empregan ao redor de 17.500 profesionais na comunidade galega
O Plan Director da Industria das TIC é o proxecto estratéxico deste ano, que está a elaborar en colaboración coa Consellería de Economía e Industria
Outras accións clave pasan por seguir captando talento, incidir na capacitación, reforzar o papel no exterior e potenciar a participación en concursos
O Clúster TIC Galicia vén de confirmar un incremento do 40% no seu volume de socios nos últimos tres anos, dato que reflicte unha evolución positiva e sostida dende o período prepandémico. Así, dende 2022 até hoxe, a cifra de asociados ascende a 148, entre pequenas e grandes empresas, centros tecnolóxicos, colexios profesionais e asociacións sectoriais que, en conxunto, representan unha facturación superior aos 1.200 millóns de euros e empregan a máis de 17.500 profesionais.
“Este ano observamos un notable crecemento nas incorporacións, un feito que atribuímos á redacción do Plan Director da Industria das TIC, que estamos a desenvolver de forma consensuada co ecosistema tecnolóxico galego e en colaboración coa Consellería de Economía e Industria, co obxectivo de definir o futuro do sector”, explica Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia.
Ademais desta iniciativa estratéxica, o organismo está a promover outras accións clave para dar resposta aos principais retos que afronta o sector, como a captación de talento ou a capacitación técnica. Nesta liña, o pasado 31 de xullo concluíu o primeiro curso do proxecto piloto de FP Dual Multiempresa intensiva, que puxo en marcha a entidade en colaboración co IES Wirtz Suárez da Coruña.
O obxectivo é asumir a formación práctica do alumnado, -con masterclass na Cidade das TIC o primeiro ano, e a súa incorporación a empresas socias no segundo- para que traballen en proxectos reais, de xeito que se poida minimizar o tempo e inversión que esixe a súa formación ás propias compañías.
Así mesmo, o Clúster TIC Galicia está a recoller as necesidades de capacitación dos seus asociados de cara ao deseño dun novo Plan Formativo, a través da renovación do convenio coa Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego. Estes cursos, que se desenvolverán entre outubro de 2025 e xuño de 2026, buscan mellorar as competencias que require o mercado laboral en áreas como a intelixencia artificial, as tecnoloxías cuánticas, a conectividade ou a robótica, entre outros.
Proximamente, estreará tamén unha nova web que permitirá conectar ofertas laborais de empresas asociadas con demanda de emprego, ademais de dispoñer dunha xanela única para xestionar solicitudes de produtos e servizos das compañías que forman parte do Mapa TIC.
Área de internacionalización
Outro ámbito no que está a poñer o foco o Clúster TIC Galicia é a Área de Internacionalización. A través do seu grupo de traballo homónimo, e grazas á colaboración con diferentes organismos como o ICEX, as cámaras de comercio galegas e o Igape, este ano organizáronse distintas iniciativas para impulsar e consolidar o papel das empresas galegas no exterior e expandirse a novos mercados.
Neste sentido, no último semestre, unha delegación de nove empresas socias participou nunha misión comercial a Florida para explorar oportunidades de negocio no continente americano. Así mesmo, máis dunha decena de organismos de transformación dixital e financeiros procedentes de Latinoamérica e Estados Unidos visitaron Galicia para coñecer o potencial tecnolóxico galego, captar investimentos e establecer posibles pontes de colaboración.
Ademais, a entidade participou nas feiras de emprego de Bos Aires (Arxentina) e Montevideo (Uruguai), organizadas pola Xunta de Galicia, no marco do Programa Retorna Cualifica Emprego 2025 para atraer talento tecnolóxico.
Por outra banda, nos vindeiros meses, está previsto que varias compañías participen nas feiras tecnolóxicas de GITEX Dubái e Madrid Tech Show, que se celebrarán en outubro.
“Tamén reforzamos o Departamento de Proxectos, de xeito que os asociados estean ao día de todas as convocatorias a nivel autonómico, nacional e internacional que lles poidan interesar ou nas que poidamos concorrer de forma conxunta”, apunta Antonio Rodríguez del Corral, que engade: “Por iso, canto maior sexa o número de organizacións ás que representamos, maior será o peso que teremos á hora de acadar certos obxectivos ou demandas”.
Comentarios