O Clúster TIC Galicia participa por primeira vez e con stand propio na prestixiosa feira internacional GITEX Global 2025, que se celebra dende hoxe ata o 17 de outubro en Dubái. Faino xunto a seis empresas socias, Quobis, Inverbis Analytics, Situm, Tarlogic, CTL e 2bedigital, que representan a metade das compañías españolas que asistirán ao evento.
Coa súa presenza, no stand H25-E45 do pavillón 25, buscan abrirse mercado no Golfo Pérsico e explorar novas oportunidades de negocio en Emiratos Árabes Unidos e outros países, como Arabia Saudí ou Qatar. “Sabemos que hai unha predisposición destas economías a colaborar con empresas como as nosas, o que supón unha excelente oportunidade para dar a coñecer o potencial tecnolóxico galego”, explica Iago Soto, responsable do Grupo de Traballo de Internacionalización do Clúster TIC Galicia e CEO de Quobis.
Este evento, que este ano chega á súa 45 edición, é un dos máis relevantes a nivel internacional no ámbito da tecnoloxía, a innovación, o emprendemento e transformación dixital, polas súas dimensións e porque supón unha porta de entrada aos mercados de Oriente Medio e Asia.
En 2024 acadou un récord de participación, con máis de 6.500 expositores, 1.800 startups, 1.200 investidores e representantes de gobernos de máis de 180 países, así como 200.000 visitantes. Iago Soto asegura que un dos seus atractivos radica en que acolle a responsables de tecnoloxía de toda a rexión, “con menor prevalencia de compañías americanas e maior presenza de firmas asiáticas”, apunta.
Proxectos innovadores
Quobis, Tarlogic, Situm, Inverbis Analytics, CTL e 2bedigital, co apoio do Clúster TIC Galicia, presentarán en GITEX Global 2025 os seus servizos e algúns dos seus proxectos.
En concreto, desde Quobis, con sede na área de Vigo, como expertos en servizos de interconexión e seguridade para redes de voz, van presentar solucións dirixidas a operadores de telecomunicacións e grandes empresas, que garanten a seguridade nas chamadas de telefonía e evitar o spam telefónico, intentos de fraude ou suplantación de identidade mediante intelixencia artificial, entre outros.
A empresa de ciberseguridade Tarlogic, con oficinas na Coruña, propón un modelo de Managed Estended Detection and Response (MxDR) no que o Threat Hunting -a busca activa de ameazas ocultas- se converte nunha pedra angular, combinando capacidades con outros servizos como Incident Response, Threat Intelligence, Vulnerability Management, Unitary Testing e Business Digital Protection, co que se persegue pechar puntos cegos e mellorar a velocidade de detección e a coordinación na resposta ante ameazas no complexo panorama cibernético actual.
Situm, con presenza na Coruña, está especializada en tecnoloxía de posicionamento en exterior e interior con alta precisión e mínima infraestrutura. No marco da feira, presentará os últimos avances en GAIA, a súa solución para a xestión intelixente de información xeoespacial en interiores.
A empresa de tecnoloxía e innovación Inverbis Analytics, con base en Lugo, aproveitará a súa presenza en GITEX Global para amosar o seu proxecto SALUSBENCH, que pretende axudar a centros hospitalarios a mapear todo o percorrido do paciente, conectando datos clínicos e administrativos da Historia Clínica Electrónica (HCE), programación e facturación co obxectivo de mellorar o control, a eficiencia e a experiencia dos usuarios.
A axencia de márketing 2bedigital, de Santiago de Compostela, desenvolve solucións personalizadas para marcas de moda, calzado e retail, axudándolles a escalar de forma eficiente, a través da automatización impulsada por IA, intelixencia avanzada de datos e experiencias inmersivas en 3D/AR para aumentar as conversións, reducir devolucións e maximizar o ROI.
CTL, con sede en Vigo, está especializada no deseño, fabricación e comercialización de produtos Chrome OS, como Chromeboxes e Chromebooks, ademais de ofrecer licenzas de Chrome OS para Educación, Empresas, Kiosco e Google for Meetings, así como solucións de videoconferencia e periféricos relacionados.
A imaxe de Galicia, en Dubái
Nesta misión, o Clúster TIC Galicia tamén vai exportar a imaxe da comunidade, baixo o lema Technology from The World Ends, en referencia ao “Finis Terrae” acuñado polos romanos ao Cabo Fisterra, onde o Camiño de Santiago se prolonga cara o Océano Atlántico. “No stand vai figurar o logo da marca Turismo de Galicia, un mapa para situar a comunidade e un fito quilométrico cos 5.047 km que separan Compostela de Dubái, como os que se atopan no traxecto do Camiño de Santiago, así como unha imaxe icónica da praia das Catedrais”, revela Iago Soto.
Comentarios