O Clúster TIC Galicia destaca os logros e oportunidades xeradas polas súas empresas socias en Gitex Global

Silvia Camesella,

O Clúster TIC Galicia destaca os logros e oportunidades xeradas polas súas empresas socias en Gitex Global


  • CTL, Situm, Quobis, 2bedigital, Inverbis Analytics e Tarlogic pechan con éxito a súa participación na feira de Dubái, reforzando a súa expansión internacional

O Clúster TIC Galicia e as súas empresas socias fan un balance moi positivo da súa participación en Gitex Global, unha das feiras tecnolóxicas máis relevantes a nivel internacional, que se celebrou do 13 ao 17 de outubro en Dubái. CTL, Situm, Quobis, 2bedigital, Inverbis Analytics e Tarlogic, as seis compañías presentes no evento baixo o paraugas da entidade, coinciden en destacar o alto nivel de oportunidades xeradas, tanto en termos de negocio como de posicionamento estratéxico en mercados clave como Oriente Medio e África.

Valoran esta experiencia como un impulso para a súa internacionalización e expansión na rexión Europa, Oriente Próximo e África (EMEA) tras o fortalecemento de alianzas e a apertura de novas canles de distribución.

"A nosa intención en Gitex Global era achegarnos á zona de Oriente Medio e África", sinala Maruxa Ledo, general manager de CTL. E o seu paso pola feira foi máis que satisfactorio: "Asinamos un contrato cun dos distribuidores máis importantes de EMEA, polo que o noso obxectivo é empezar a distribuír nos próximos días na zona".

Gregory Botanes, vicepresidente e cofundador de Situm, afirma que o evento foi un escaparate perfecto para presentar os progresos de GAIA (Geospatial Assistance for Intelligent Acknowledgment), unha solución que busca transformar a xestión da información xeoespacial en interiores, mellorando a eficiencia operativa e a experiencia dos usuarios en grandes edificios. "Foi unha ocasión excelente tanto para reunirnos presencialmente con partners da rexión do Golfo, con quen xa viñamos desenvolvendo distintos proxectos, como para identificar novas oportunidades de negocio con potenciais partners e clientes".

Pola súa banda, Quobis aproveitou a súa presenza na feira para presentar as súas solucións de ciberseguridade en redes de voz e xestionar problemas como o spam telefónico, os timos e fraudes ou a suplantación de identidade. "Captamos o interese dalgúns operadores do Golfo, ademais de identificar boas oportunidades de distribuidores", destaca Iago Soto, CEO da empresa, que engade: "Tamén nos serviu para coñecer as dinámicas de contratación do sector público e percibimos un gran interese nas nosas solucións de comunicacións seguras, sen dependencias de provedores cloud de terceiros países".

Pablo Borrás, CEO & Founder de 2bedigital cualifica o seu paso por Gitex Global como "todo un éxito". "Mantivemos máis de 25 reunións con empresas de distintos sectores -especialmente do retail e axencias de relacións públicas- interesadas nos nosos servizos de performance márketing e en solucións tecnolóxicas como Click2Try e Boostic", revela.

Esta positiva experiencia permitiralles seguir ampliando horizontes e conectar con partners internacionais que apostan pola innovación, a intelixencia artificial e a automatización aplicada ao márketing dixital, segundo sinala Borrás.

Gonzalo Martín, CEO de Inverbis Analytics, asegura que foi unha oportunidade perfecta para consolidar o contacto cos leads abertos en Emiratos e asegurar a súa continuidade. "Mantivemos reunións con potenciais partners e clientes en Dubái, Abu Dabi e Arabia Saudita, profundando no coñecemento do sistema sanitario local. Regresamos coas bases para despregar unha rede de proximidade ao cliente e un modelo de soporte rexional", declara.

Tarlogic coincide co resto de firmas en que a súa participación en Gitex Dubái marcou un "punto de inflexión" na súa estratexia na rexión de Middle East. "Durante o evento, puidemos manter encontros con novos partners e clientes estratéxicos", sinalan desde a compañía, o que lles permite fortalecer a súa presenza e ampliar os seus servizos neste mercado clave.

"É o punto de partida da nosa expansión na rexión e reforza o noso compromiso por crecer xunto aos nosos socios locais, achegando a nosa experiencia en ciberseguridade avanzada, intelixencia e servizos de protección dixital para acompañar ás organizacións nos seus retos tecnolóxicos", subliñan desde Tarlogic.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies